ACCIÓN CULTURAL

Coloquio coa editora lusa Bárbara Bulhosa na Zona "C" baixo o título "Edicións tinta-da-china: independencia e supervivencia"

15/03/2016 Despois da intervención de Joana Hurtado, do Can Felipa, arredor da súa experiencia neste centro cívico de Barcelona, e de David Rodríguez AKA Tina Paterson, que afondou en novos modos de mediación cultural, é agora a vez da editora independente portuguesa Bárbara Bulhosa. Estará este mércores 16, na Zona "C", a partir das 20:00 horas, nunha charla baixo o título Edicións tinta-da-china: independencia e supervivencia. A Concellaría de Acción Cultural convida a todos e todas as compostelás a participar nestas actividades de mediación cultural abertas ao público.

Bárbara Bulhosa naceu en 1972, en Lisboa. É licenciada en Historia pola Universidade Nova de Lisboa e ten unha posgraduado en Técnicas Editoriais pola Universidade de Lisboa. Durante oito anos traballou na Bulhosa Livreiros, unha das maiores cadeas de librarías en Portugal, onde foi directora de recursos humanos, relacións públicas e responsable de importación de libros estranxeiros. En 2005 fundou a Tinta-da-china e, en 2012, a Tinta-da-china Brasil, dirixindo ambas desde entón.

Direccións relacionadas



Compartir: