ACCIÓN CULTURAL

"O órgano sae á rúa", primeira actividade do novo ciclo "De lugares e órganos"

15/03/2016 De lugares e órganos, o programa de música e outras paisaxes de Compostela que organiza a Concellaría de Acción Cultural para esta Semana Santa, comezará este mércores 16 coa actividade "O órgano sae á rúa". Será a partir das 19:30 horas na Libraría Cronopios.

Este espazo nace coa idea de saír á rúa e ao encontro da cidadanía, deslocalizar as actividades e levalas a ámbitos diferentes do seu contexto natural ou dos espazos de concerto programados, co fin de espertar o interese polo que, ao longo do ciclo, vai acontecer. Para aquelas persoas que queiran afondar un pouco máis nos contidos da programación, coñecer de cerca aos artistas, ou simplemente curiosear un pouco sobre aquilo que imos ver e escoitar, propoñemos, dentro do ciclo de De lugares e órganos, pequenas iniciativas e encontros en establecementos da cidade, nos que participarán músicos, persoas expertas en diferentes temas ou colaboradoras do proxecto, canda o propio público. Encontros que, sen dúbida, axudarán a entender e gozar máis dos concertos e actividades programadas.

Na sesión deste mércores teremos un encontro con Belén Bermejo, directora artística do programa; Andrés Díaz, músico e experto en organería galega; e Luís Martínez, director do coro Vox Stellae. En amena conversa, os tres convidados introducirán a programación do ciclo, farán unha aproximación á organería e o patrimonio organístico da cidade, ao tempo que falarán da proposta que, na fin de semana, iniciará o ciclo de concertos, a proposta do Coro Vox Stellae sobre a vida da controvertida figura de María Magdalena, representada a través de diferentes retratos musicais, con músicas do Renacemento.

Tamén con motivo do comezo das actividades do ciclo de concertos, en diversos establecementos comerciais do centro histórico e do ensanche compostelán expoñeranse, ata o fin da Semana Santa, fotografías de diferentes órganos históricos da cidade dentro da iniciativa "O órgano sae á rúa", ao obxecto de visibilizar os elementos do patrimonio organístico máis relevantes da cidade, entre un amplo público. Loca por mi, Maravalla, Merlin e Familia, Secretos de Galicia, Matrioska, O Pazo das Musas, Ela Diz, El Taller de Fer, Como Pez en el Agua, Catrineta, Kookai ou a Libraría Cronopios formarán parte dos espazos de exposición.

Compartir: