EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Continúa aberta a matrícula no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa

15/03/2016 Unha vez rematado o prazo de inscrición no Programa de Conciliación Familiar e Laboral para esta Semana Santa 2016, organizado pola Concellaría de Educación e Cidadanía, e á vista de que aínda quedan prazas dispoñibles, continúa aberta a posibilidade de matrícula.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa para de conciliación para as familias no tempo de vacacións da Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 21 e 28 de marzo nos CEIP As Fontiñas e Raíña Fabiola.

As familias poden inscribir nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria de Santiago. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou nos propios rexistros. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores (aula matinal) funcionará de 7:45 a 9:00 horas unicamente no CEIP As Fontiñas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de que os rapaces fagan uso do servizo de comedor nos dous centros: no CEIP As Fontiñas e no CEIP Raíña Fabiola.

Compartir: