CONSORCIO

A soprano granadina Sandra Pastrana canta esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

15/03/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este venres, 18 de marzo, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Levará a batuta o director catalán Edmon Colomer, creador da Nova Orquestra Nacional de España e da Orquestra de Cadaqués.

O concerto será unha homenaxe ao compositor francés Gabriel Fauré (1845-1924). Comezará coa obra Cantique, de Jean Racine, escrita cando o autor contaba tan só 19 anos e inspirada nun himno medieval traducido no século XVII polo dramaturgo galo Jean Racine.

A orquestra acompañará nesta obra ás voces do Orfeón Terra A Nosa e do Coro Universitario de Santiago, dirixidos por Miro Moreira. O Orfeón, que este ano cumpre o seu 50º aniversario, fundado en 1966 polo franciscano Manuel Feijóo, dedícalle unha atención especial á recuperación do patrimonio musical das catedrais galegas. Pola súa banda, o Coro Universitario de Santiago, que se fundou en 1979, está concibido como un proxecto pedagóxico de formación coral, á vez que desenvolve unha intensa actividade de difusión da música antiga.

Sandra Pastrana e José Antonio López
A continuación, a RFG achegará ao público A bonne chanson, de Fauré, que emprega nove poemas de Paul Verlaine, cantados nesta ocasión polas voces da soprano granadina Sandra Pastrana e do barítono salmantino José Antonio López.

Sandra Pastrana saltou á primeira liña da lírica internacional en 1999 tras gañar varios certames e na actualidade é convidada con regularidade a cantar nos máis prestixiosos teatros de ópera e festivais de todo o mundo. José Antonio López actúa nas principais salas de España e do resto de Europa, interpretando papeis protagonistas en óperas como La Traviata ou Fígaro, entre outras.

Un fermoso Requiem
A velada musical concluirá co Requiem de Fauré, unha das máis populares e fermosas misas de réquiem, un tributo musical do autor ao seu pai. En lugar da natureza sombría de moitos réquiem, o de Fauré destácase por transmitir un panorama tranquilo e sereno, sen medo á morte. A peza interpretouse no funeral do compositor en 1924. Nesta obra uniranse aos músicos da Real Filharmonía de Galicia as voces da soprano, do barítono e os dous coros.

Tal como destaca o director Edmon Colomer, "o Requiem de Fauré é unha das obras mestras do xénero relixioso da primeira metade do século XX, unha obra que todo o mundo oiría nun momento ou outro pero que cada vez é distinta. Esta é a grandeza da arte e, sobre todo, da música, o que cada vez se volve a recrear o que un día foi escrito polo compositor nunha partitura e que necesita da experiencia viva e, neste caso, tamén espiritual".

Charla previa do director co público
Antes da celebración do concerto do venres en Santiago, os asistentes á cita musical terán a oportunidade de participar nun encontro previo co director Edmon Colomer. A charla celebrarase ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada actuación, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase asistir a este encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: