PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os responsables do proxecto Equal Compostela Social reúnense en Polonia cos seus socios transnacionais

23/10/2006 Os responsables do proxecto Equal Compostela Social veñen de participar en Polonia nunha nova reunión transnacional, na que tiveron ocasión de compartir experiencias e liñas de traballo en común con outros proxectos, tanto da propia Polonia coma de Italia e Grecia. Todos estes proxectos comparten intereses comúns, xa que desenvolven iniciativas encamiñadas á inserción laboral de colectivos con dificultades para introducirse no mundo do traballo. Na viaxe participaron dúas das titoras do proxecto, así como a responsable de proxectos europeos do Concello de Santiago.

O encontro tivo lugar nas localidades polacas de Katowice e Cracovia, entre os días 19 e 20 de outubro. Cada unha das delegacións participantes presentou ao resto as boas prácticas e o resultados acadados ata o de agora. No caso do Equal Compostela Social, fíxose especial mención ao importante número de empresas creadas, tanto dentro do propio Equal como a través doutros programas desenvolvidos desde a Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Só a través Equal Compostela Social lévanse creadas xa 16 empresas, e a previsión é crear 10 máis a curto prazo, cando queda un ano para o remate do proxecto.

A próxima reunión transnacional terá lugar en Grecia en febreiro do próximo ano, e en abril está previsto un novo encontro en Santiago, logo do celebrado en xullo pasado.

O proxecto Equal Compostela Social está liderado polo Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e nel participan tamén o resto de Concellos da comarca de Compostela, así como outras entidades e institucións da cidade vinculadas ao emprego. Durante o seu desenvolvemento 150 persoas da área de Compostela recibirán formación e asesoramento para a posta en marcha das súas iniciativas de autoemprego.

Compartir: