ALCALDÍA E ACCIÓN CULTURAL

A compostelá Mery Pais gaña o 9º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

11/03/2016 A compostelá Mery Pais fíxose esta tarde co primeiro premio da 9ª edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, dotado con 6.000 euros. Recibiu o galardón de mans do alcalde da cidade, Martiño Noriega, pola peza #Intrusas, videoinstalación que afonda nun tema moi sensible: a situación de exclusión social a que se vén sometidas as protagonistas da obra por unha dobre condición, ser mulleres e musulmás. O segundo premio, que entregou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e que está dotado con 1.000 euros e unha intervención na Zona "C" foi para Verónica Vicente, de Tomiño, e o accésit, dotado con 1.000 euros, recaeu en José Manuel Vidal, de Sanxenxo.

Tras a entrega de premios inaugurouse a mostra 9º Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, na que se poden ver non só as tres premiadas, senón o total das 40 obras seleccionadas polo xurado de entre as 113 que se presentaron a esta edición. A mostra permanecerá aberta todos os días no Auditorio de Galicia ata o mes de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Premiados
O proxecto #Intrusas, da compostelá Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), primeiro premio, afonda sobre un tema sensible que non sempre é suficientemente visible: a situación de exclusión social a que se ven sometidas as protagonistas da obra pola súa condición de musulmás. Pon así de manifesto, conceptos como o racismo ou a criminalización colectiva de toda unha cultura. Unha peza que sen dúbida invita á reflexión.

A videoperformance de Verónica Vicente (Tomiño, Pontevedra, 1988) Figuras decorativas, que acadou o segundo premio, fala da estetización do corpo e da progresiva perda de identidade. Un corpo sometido á presión da moda aparece completamente introducido nunha peza de roupa e exposto enriba do mobiliario a modo de escultura decorativa. Un corpo atrapado no seu propio corpo. Verónica terá a oportunidade de presentar, como parte deste premio, unha intervención inédita para a Zona "C".

José Manuel Vidal (Sanxenxo, Pontevedra, 1977) pecha a nómina dos premiados co accésit pola obra Espacio compartido en la edificación del instante, onde cada columna está composta por formas de escaiola que se encaixan unhas sobre outras e se amoldan entre si. Son, en palabras do artista, "unha consecución de instantes, un rastro de momentos irrepetibles, amoldarse a outro para sostelo mentres outro se amolda a ti e entre todos formar un novo corpo".

Seleccionados
Despois do estudio dos 113 dossieres presentados e da votación dos membros do xurado, este decide por unanimidade, seleccionar para a exposición a obra dos seguintes artistas: Carlos AG, Amine Asselman, Pablo Barreirro, Marta Bran, Samuel Castro, David Catá, Daniel Cerecedo Bretal, Sara Coleman, Iria Cortizo, Dana Díaz, Dio3stu (Iñaki López), Roi Domínguez, Raquel Durán & Rut Briones, Támara Feijoo Cid, Félix Fernández, Javier Fernández Pérez de Lis, David Ferrando Giraut, Marta Fortes, Furallefalle (Vanesa Castro), Lúa Gándara, Christian García Bello, Diego Germade Castelo, Amaya González Reyes, Enrique Lista, M8K8 (Marcos Covelo), Jesús Madriñán, Joseba Muruzábal Pérez, Rosa Neutro, Mery Pais, Ignacio Pérez, Lara Pintos, Uxia Piñeiro, Mar Ramón Soriano, Aarón Sanromán, Borja Santomé, Neves Seara, Ismael Teira, Mónica Trastoy, Verónica Vicente e José Manuel Vidal Vidal.

Nesta edición, o xurado estivo composto por Silvia Modia, directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, por delegación do presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia; David Barro López, director da Fundación Luis Seoane; Carmen Fernández Rivera, directora do Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC); Román Padín Otero, profesor da Esdemga e crítico de arte e moda; Mar Rodríguez Caldas, profesora na Facultade de Belas Artes, comisaria e artista; e Chus Busto Castiñeiras, responsable de exposicións do Auditorio de Galicia (por delegación da directora-xerente en funcións), que actuou como secretaria, con voz e sen voto.

e-auditoriodegalicia.net
As 40 obras seleccionadas, que son as que podemos ver na mostra, pasarán a ser patrimonio de todos e todas, xa que quedan recollidas nas publicacións que se soben ao espazo web e-auditoriodegalicia.net.

Compartir: