ALCALDÍA

Martiño Noriega solicita unha reunión co presidente da Xunta para recuperar a colaboración institucional

11/03/2016 O alcalde solicitou hoxe unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co obxectivo de "recuperar o necesario espazo de colaboración institucional en temas de vital importancia para Compostela". Entre eses asuntos, Martiño Noriega citou o proxecto da intermodal, a política aeroportuaria ou a variante de Aradas. O rexedor reclamaralle a Alberto Núñez Feijóo o regreso á senda da cooperación "despois dalgunhas actuacións unilaterais, fundamentalmente por parte da Consellería de Infraestruturas e Vivenda".

O alcalde compostelán recoñeceu botar en falta unha política "máis proactiva da Xunta en relación á intermodal". Martiño Noriega insistiu en que o Goberno compostelán "non ten ningún problema coa Consellería de Infraestruturas neste proxecto, pero si existen discrepancias con ADIF e co Ministerio de Fomento das que é consciente o departamento de Ethel Vázquez". En concreto, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias segue sen aceptar a cesión gratuíta dos terreos nos que se vai construír a nova estación de autobuses, ao tempo que quere vincular algunhas partes do proxecto da intermodal a lograr un determinado número de pasaxeiros.

O alcalde recoñece que "a Xunta ten unha posición relativamente cómoda neste proxecto, porque dispón de fondos europeos para construír a nova estación de autobuses e gaña o vello edificio para ampliar o complexo de San Caetano. Pero a Consellería de Infraestruturas ten que ter en conta que o proxecto é máis que iso". Martiño Noriega pediulle á Consellería de Infraestruturas que colabore para "encaixar todas as pezas nun proxecto único", a partir do cal o Concello poderá dar pasos como a redacción do Plan Especial para a zona.

Política aeroportuaria
Na reunión que ten solicitada co presidente da Xunta, o alcalde compostelán tamén quere poñer sobre a mesa a necesidade de termos "unha política aeroportuaria coordinada e de país". Martiño Noriega lembra que na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia celebrada en outubro, os concellos de Santiago e A Coruña, e tamén o Ministerio de Fomento, amosaron unha total vontade de coordinación. Pola contra, o rexedor recoñeceu "botar en falta que a Xunta asumira o seu rol de intermediación".

Preguntado polo anuncio de que Turkish Airlines deixará de operar no aeroporto de Lavacolla, o alcalde relacionou a decisión con esta falta de coordinación entre as tres terminais galegas. Martiño Noriega adiantou que o Goberno local reunirase cos responsables da compañía na próxima semana, para coñecer máis detalles desta decisión e intentar que a aeroliña dea marcha atrás.

Compartir: