FACENDA

O Goberno local acepta tres emendas da oposición aos orzamentos de 2016

11/03/2016 Esta mañá celebrouse a Comisión Informativa de Facenda, na que se deu conta das emendas presentadas pola oposición ao proxecto de orzamentos para 2016 e procedeuse ao debate do Plan Económico Financeiro, do cadro de persoal e dos orzamentos para este exercicio. O vindeiro martes 15 de marzo será o Pleno para a súa aprobación.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, explicou despois da rolda de prensa da Xunta de Goberno Local que o Goberno "aceptou todas as emendas viables tecnicamente, incluso incorporando dúas transaccionais naquelas que tiñan algún defecto formal". En total foron catro as emendas presentadas, unha por parte do PP e tres por parte do PSOE. A emenda rexeitada non cumpría cos criterios técnicos e así se informou na Comisión por parte do departamento responsable. O procedemento de presentación de emendas requiría dos grupos da oposición que incluísen, non só a cantidade que querían incorporar ao orzamento, senón de onde debía retirarse para manter o equilibrio no documento orzamentario.

O Goberno local incorporou a emenda do PP en relación á EDAR do Souto, reservando unha partida de 70.000 euros para este concepto. Rozas explicou "que se chegou a un acordo co Partido Popular para consignar esta partida, de tal forma que, chegado o 15 de novembro sen compromiso orzamentario e proxecto por parte das administracións central e autonómica, se recuperarían eses fondos para o proxecto orixinal".

O Executivo local tamén incorporou ao proxecto de orzamentos dúas emendas do PSOE relacionadas co emprego e valoradas en 70.000 euros, "o único crédito dispoñible que non estaba vinculado a programas específicos".

A concelleira de Economía e Facenda amosouse "optimista", aínda que os grupos políticos da oposición reservaron o voto ata a celebración do Pleno. María Rozas asegura que "o número e contía das emendas presentadas dannos a razón cando dixemos que a marxe de manobra nun orzamento municipal é moi pequena" e engadiu que "amosamos un gran esforzo por incorporar achegas, tanto no proceso de diálogo iniciado hai dous meses coa oposición como nestes días de presentación de emendas". A concelleira entende, polo tanto, "que se trata dun orzamento moi dialogado, que incorpora moitas propostas da oposición".

Plan Económico Financeiro
Na Comisión Informativa de Facenda debateuse tamén o Plan Económico Financeiro que o Goberno local viuse na obriga de elaborar como consecuencia do incumprimento da regra do teito de gasto por parte do anterior Executivo en 2,3 millóns de euros.

Dito Plan recolle unha análise dos motivos polos cales se fixo obrigatoria a súa elaboración, así como unha avaliación do exercicio 2015 no que o Concello cumpre con todos os requisitos legais. No Plan Económico Financeiro infórmase tamén de forma positiva o orzamento de 2016, que cumpre tamén con todos os indicadores económicos. O PEF conclúe que non é preciso tomar ningunha medida de axuste cara a este ano 2016.

O PEF foi aprobado na Comisión de Facenda cos votos de CA e do PP, aínda que debe ser aprobado definitivamente no Pleno do vindeiro martes xunto co orzamento e o cadro de persoal para o 2016.

Compartir: