XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal ordena o peche cautelar de dous locais de ocio nocturno por incumprir as normas de seguridade

11/03/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe incoar cadanseu expediente administrativo sancionador e ordenar o peche cautelar durante a súa tramitación de dous locais de ocio nocturno: as discotecas Metrópolis e a Apolo. Estes dous establecementos foran obxecto dunha inspección policial o pasado 19 de febreiro, que deixou patentes graves problemas de seguridade. A discoteca Metrópolis duplicaba o seu aforo, cun límite de 170 persoas, e a discoteca Apolo triplicaba o máximo autorizado de 300 persoas. Ademais, detectáronse outras deficiencias como saídas de emerxencia inutilizadas, extintores baleiros ou cableado eléctrico ao aire.

Despois da medida aprobada pola Xunta de Goberno de hoxe, os propietarios dos dous locais teñen un prazo de 24 horas para facer efectivo o peche, se ben tamén poden presentar alegacións para evitar esa medida. O alcalde explicou que "o procedemento iniciado hoxe está perfectamente regulado, e o Concello non ten outro obxectivo que o de evitar situacións de perigo que poderían ter consecuencias moi graves". O alcalde tamén explicou que durante a tramitación dos expedientes sancionadores deberá determinarse a contía das multas impostas aos dous establecementos, que "poderían chegar a un máximo de 300.000 euros no caso do Metrópolis, e de 600.000 euros no caso da discoteca Apolo".

Proxecto de melloras no estadio de San Lázaro
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou un Proxecto de medidas correctoras para o Estadio de San Lázaro, que ten como obxectivo corrixir algunhas das deficiencias detectadas nas instalacións deportivas. En concreto, o proxecto contempla a colocación dunha liña de vida permanente na cuberta do estadio, a eliminación de elementos corroídos ou a reparación de desprendementos, entre outras medidas. As obras custarían 728.276,23 euros, IVE incluído.

O alcalde explicou que o Goberno está buscando vías de financiamento para acometer este proxecto. Neste sentido, está aberto o diálogo coa Federación Galega de Fútbol, "que ten interese en ocupar os baixos do estadio, e que de ser así podería colaborar no financiamento desas reparacións".

Outros acordos
O Executivo local aprobou na súa reunión semanal a sinatura de varios convenios. Un deles vaise subscribir coa Dirección Xeral de Tráfico, que lle cederá ao Concello uns dispositivos que colocara para mellorar a seguridade viaria durante o Xacobeo 2010, e que agora están en desuso. Eses equipos son 8 matrices Leds e 4 cámaras de televisión.

Tamén se aprobou un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social, o Concello e a Fundación "La Caixa" para o desenvolvemento do programa CaixaProinfancia. O acordo vai ser asinado o vindeiro luns, 14 de marzo.

Por último, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a apertura dos prazos de reserva de praza, solicitudes de admisión e matrícula na Escola Municipal de Música, para o curso escolar 2016-2017, e déuselle luz verde ao Plan de Control Tributario para o exercicio 2016.

Documentos relacionados



Compartir: