TURISMO

Turismo promociona a cidade en Berlín

08/03/2016 Turismo de Santiago participa na ITB, principal feira de turismo do mercado alemán, que se celebra en Berlín do 9 ao 13 de marzo. A participación da entidade municipal de promoción turística na ITB é unha das súas accións máis importantes do ano, xa que o mercado alemán é prioritario para a cidade. O mercado alemán suma máis de 50.000 pernoctacións cada ano nos hoteis da cidade, sendo só superado en número polo mercado italiano.

Turismo de Santiago asiste á ITB cun mostrador propio no stand de Turespaña. Nos tres primeiros días, o acceso á feira está permitido só para os profesionais: axentes de viaxes, turoperadores, prensa, organizadores de congresos… Durante estes tres días, os técnicos de Turismo de Santiago manterán unha axenda de reunións con distintos profesionais interesados na cidade e no Camiño de Santiago.

Os dous últimos días da ITB diríxense ao público xeral. Neste par de días, no mostrador de Turismo de Santiago poderá comprobarse o interese crecente do público alemán tanto por Santiago como destino cultural como polo Camiño de Santiago, como unha experiencia na que se sintetizan cultura, historia, patrimonio e natureza, e que no país teutón está de moda grazas en boa medida ao éxito editorial Bueno, me largo, de Hape Kerkerling.

Nos últimos anos, Alemaña tense consolidado coma o segundo mercado internacional para Santiago, tanto no número de pernoctacións como no número de persoas que fan o Camiño de Santiago, so tras Italia. No ano 2014, o mercado alemáns sumou máis de 52.000 noites de hotel na cidade, segundo o INE. No 2015 o número de peregrinos alemáns continuou crecendo, situándose xa preto dos 20.000

Dende Turismo de Santiago estímase que, en 2016, o turismo alemán continuará crecendo na cidade, por dous razóns fundamentais. Por unha banda, porque neste 2016 Vueling ampliará a oferta de prazas na conexión Santiago-Berlín que estreou no verán pasado. Nesta tempada, esta ruta estará operativa dúas veces por semana entre comezos de maio e finais de outubro, cando o ano pasado tivo só unha frecuencia semanal nos meses centrais de verán. Por outra banda, porque neste Nadal estreouse a película baseada en Bueno, me largo, éxito editorial de Hape Kerkerling sobre o Camiño de Santiago, que continuará aumentando o atractivo do Camiño para o publico xermano.

Compartir: