ACCIÓN CULTURAL

"Femenino singular", unha comedia aceda sobre a maternidade, no Teatro Principal

08/03/2016 A Concellaría de Acción Cultural presenta este mércores no Teatro Principal, ás 20:30 horas, Femenino singular, unha comedia aceda sobre a maternidade enmarcada dentro dos actos especiais deste mes arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Marta Belenguer, Rosa Manteiga, Carolina Solas e María Vázquez, xunto a Jorge Muñoz, contan a súa vida, real, como mulleres, nais, actrices e amigas. As entradas, a 12 euros (6 para os supostos de redución) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

"Partimos dunha corazoada, a idea de contar as nosas vidas como mulleres, nais, actrices e amigas. Son reais. Sabemos que estas vidas son reflexo das doutras moitas mulleres que como nós pelexan a diario no mundo co paso do tempo, cos seus proxectos profesionais, os seus conflitos domésticos e as cariñas dos seus fillos expectantes". Así presentan as protagonistas Femenino singular.

Segundo explican, queren "contar cousas que nunca nos contaron e que pasan. Cousas que unha vez vividas, fan que te preguntes, por que ninguén mo dixo? Expómolo a través dun xogo teatral que nos permite ser as demais, é dicir contar as cousas por boca doutra. Cada noite da función, María é Marta e a súa vida, Rosa é Carolina, Marta é María e María é Carolina. Iso permítenos ser máis valentes á hora de destapar as nosas vidas e as nosas almas, chegando á nudez total das mesmas".

"Somos actrices, profesionais contrastadas, é o momento de facer algo así. O xénero é traxicomedia, o resultado é un humor acedo, como a vida mesma. Non é unha función só para mulleres (aínda que o teatro adóitase encher destas espectadoras), tamén os homes reflexionan sobre o que significa ser pais, as parellas, as rupturas e o segundo plano que ocupan eles nestas rupturas respecto dos fillos. Durante nove meses tivemos dous corazóns e iso cambiou as nosas vidas para sempre", conclúen as protagonistas.

Compartir: