ACCIÓN CULTURAL

Producións Excéntricas presenta "Os amores de Jacques o fatalista", por Quico Cadaval

08/03/2016 Producións Excéntricas presenta en Compostela o seu último traballo, Os amores de Jacques o fatalista. Protagonizada por Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, María Costas e Piti Sanz, trátase dunha adaptación de Quico Cadaval da novela Jacques o fatalista, do francés Denis Diderot. Cadaval é tamén director da obra que poderemos ver no Teatro Principal o xoves 10 e o venres 11, ás 20:30, e de novo o domingo 13, ás 19:00 horas.

Jacques e o seu amo camiñan cara ao lugar máis próximo, como fai todo o mundo. Para entreter o camiño, Jacques o fatalista e o seu amo cóntanse historias, falan da vida e acaban por falar do amor, como fai case todo mundo. Aproveitando que non hai mulleres, permítense dicir cousas das mulleres que non se atreverían a dicir se houbese mulleres diante. Como fan algúns homes. Bastantes. Este paraíso masculino "estrágase" cando aparece en escena a pousadeira. Ela é tan falangueira como Jacques e conta contos, fala das cousas da vida e emite asombrosas opinións sobre as mulleres e os homes sen importarlle moito que a escoiten os homes.

Estes contos, interrompidos constantemente polos outros, como acontece nas mellores conversas, tentan buscar a diferenza entre o namoramento e a sedución, entre o sentimento e o instinto, entre a paixón e a violencia, entre o engano e o enxeño, entre o insulto e a liberdade de expresión, entre o nefando pecado do adulterio e a libre circulación de fluídos... en definitiva, sobre os amores. Tamén se tratarán temas importantes como a dominación de clase, a prostitución, a amizade, o roubo, a coraxe, a poesía e o tabaco.

Os artistas en escena son catro, María Costas, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Piti Sanz, que se multiplicarán no cambio de personaxes, de puntos de vista, de posición no campo, de figura do frívolo xadrez imaxinado pola mente libertaria de Denis Diderot.

Entradas e descontos
As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 € para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65, desempregados, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no 902 434 443, en entradas.abanca.com ou no despacho de billetes do Principal de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: