IGUALDADE

O Concello reitera o seu compromiso co impulso de accións para alcanzar a igualdade real e efectiva de mulleres e homes

08/03/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, leu na praza do Obradoiro unha declaración institucional con motivo do Día Internacional das Mulleres. Ao aco sumáronse outros membros da Corporación e traballadores municipais.

Este Día Internacional das Mulleres, indica a declaración, "é un día de compromiso, que sirve para reafirmar coa cidadanía a convicción do Concello de Santiago de Compostela de seguir impulsando cantas accións sexan precisas para alcanzar a igualdade real e efectiva de mulleres e homes, contribuíndo así á construción dunha sociedade máis democrática e máis xusta. Porén, para que este avance sexa posible precísase do traballo conxunto e continuado da sociedade, das mulleres e dos homes, do tecido asociativo, dos partidos políticos e dos poderes públicos".

Premio Xohana Torres
Tamén hoxe, 8 de marzo, abriuse o prazo de participación no I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela. A inscrición estará aberta ata o 31 de decembro. A convocatoria está dotada con dous premios de 2.500 euros.

O Concello e a USC recuperan un certame, interrompido en 2012, cuxos case 20 anos de vixencia o converteran nun símbolo da cidade. Os traballos que se presenten ao premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. Os ensaios presentaranse en formato papel, mentres que os traballos audiovisuais deberán ter unha duración mínima de 15 minutos, aceptándose calquera tipo de expresión artística: flashmob, textos biográficos lidos ante a cámara, videoclips, fotografías, fotomontaxes, curtametraxes, etc.

Será tamén o 8 de marzo, pero do ano seguinte, 2017, cando se dea a coñecer a decisión do xurado, nun acto público celebrado no Concello de Santiago. Premiaranse dous traballos, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual. Cada un dos premios estará dotado con 2.500 euros, a conta dos dereitos de edición das obras pola USC.

O xurado estará formado polo alcalde ou concelleira/o no que delegue, o reitor da USC ou persoa na que delegue, seis profesores/as da USC do ámbito da ciencia política, da filosofía, da historia, da antropoloxía ou da literatura e do xornalismo ou comunicación audiovisual.

Compartir: