ALCALDÍA

A Asociación de Municipios do Camiño celebrará a súa Asemblea de 2017 en Santiago

26/02/2016 O alcalde de Santiago asistiu este venres en León á primeira Asemblea da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, unha entidade que pretende impulsar a coordinación entre os pobos e cidades da ruta Xacobea, dende Canfranc a Compostela.

O grupo celebrou unha primeira Asemblea Extraordinaria na que aceptou a incorporación de novos municipios, pasando dos 25 cos que naceu a asociación a 55. Trátase de localidades situadas ao longo de todo o Camiño Francés, de todos os tamaños e número de habitantes.

Nesa Asemblea Extraordinaria, a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago acordou que a súa sede social estará en Jaca, mentres que a sede institucional corresponderá ao municipio que exerza a presidencia en cada momento. Aprobouse tamén a nova directiva, presidida polo alcalde de León. A Vicepresidencia primeira será para Logroño, a Vicepresidencia segunda para Lizarra, a Secretaría ao municipio de Jaca, e a Tesourería será ocupada polo municipio de Portomarín. A estrutura organizativa da Asociación contempla unha vogalía permanente que ocupará Santiago, tal e como solicitou o alcalde compostelán e foi aprobado por unanimidade. Outra das vogalías ocuparaa segundo o acordo de hoxe o municipio lucense de Paradela.

A Asemblea de 2017, en Compostela
A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago celebrou de seguido unha Asemblea ordinaria para aprobar o seu orzamento e as cotas dos seus membros. O alcalde compostelán, Martiño Noriega, aproveitou a súa intervención para mostrar a súa satisfacción pola creación desta Asociación, e agradecer o traballo dos que a puxeron en marcha. O rexedor insistiu na importancia do Camiño "que fixo de Santiago unha cidade sempre coas portas abertas, plural e diversa".

Martiño Noriega propuxo que a II Asemblea da Asociación de Municipios Amigos do Camiño de Santiago se celebre en 2017 en Compostela, "por ser a cidade que é o punto de chegada da ruta xacobea e a que lle da sentido a este grupo". A petición foi aceptada por unanimidade.

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago quedou constituída en novembro de 2015 coa participación de Canfranc, Jaca, Santa Cilia, Sangüesa, Puente La Reina, Estella, Los Arcos, Logroño, Navarrete, Nájera, Santo Domingo de la Calzada, Viloria, San Juan de Ortega, Burgos, Castrojériz, Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, Mansilla de las Mulas, León, Hospital de Órbigo, Astorga, Ponferrada, Molinaseca, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Melide e Santiago. A entidade conta co respaldo dos Ministerios de Fomento e Educación, Cultura e Deporte; a Federación Española de Municipios e Provincias, a Fundación ONCE, Turespaña e a ACIR Compostelle de Toulouse. No proxecto tamén se implicaron algunhas empresa privadas, que exercerán como patrocinadoras e colaboradoras para proxectos específicos que poña en marcha o grupo.

Compartir: