EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

Presentación do libro "Outras voces, outros mundos. Mulleres inmigrantes e prostitución en Galicia"

14/04/2005 Esta publicación é o relatorio das xornadas organizadas polo colectivo Andaina e celebradas entre os días 3 e 6 de novembro de 2004 no Auditorio de Galicia.

Ambas iniciativas, apoiadas pola Concellaría de Emigración e Inmigración, parten da necesidade de analizar desde un punto de vista distinto ao habitual a situación do colectivo de mulleres inmigrantes que traballan no mundo da prostitución en Galicia.

"As concepcións manexadas habitualmente tenden a asociar inmigración con persoas de nivel económico e de estudios baixo, e a prostitución con mafias e coacción, cando a realidade demostra que non é así", explicou Teresa Regúlez. Tanto as xornadas, como o relatorio presentado hoxe, "constitúen un achegamento libre de tabúes á inmigración e á prostitución, a problemáticas específicas da muller".

Segundo os datos que se ofrecen nesta publicación do colectivo Andaina, só un 6% das mulleres enquisadas afirma exercer a prostitución no noso país coaccionadas por organizacións mafiosas, enganadas con promesas laborais inexistentes. Ao contrario da opinión estendida entre a sociedade, o 94% restante afirmou exercer a prostitución por unha decisión consciente e motivada por razóns económicas. Así mesmo este colectivo reclama condicións laborais dignas e a legalización da súa situación como medio de acceso a dereitos básicos.

"Outras voces, outros mundos", está composto por dúas investigacións científicas e dúas experiencias personais de mulleres involucradas na prostitución. O primeiro traballo, unha ponencia redactada por Laura Oso Casas, profesora titular da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, versa sobre o traballo sexual en Galicia e o colectivo de mulleres inmigrantes sudamericanas. O texto de Xosé López Riopedre, avogado, sociólogo e diplomado en Criminoloxía, céntrase en mulleres provintes de Colombia e Brasil que exercen a prostitución na nosa comunidade.

O libro conta coas testemuñas de Pye Jakobson e de Patricia, traballadoras do sexo de orixe sueca e colombiana, respectivamente. A primeira, que exerce no seu país de nacemento, é ademais escritora e produtora de documentais, ao tempo que activista pola legalización do traballo sexual en Suecia. Patricia leva cinco anos en España, relacionada sempre coa prostitución, e na actualidade rexenta un negocio propio en Galicia.

Compartir: