PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os establecementos comerciais e hostaleiros de Compostela teñen unha clientela potencial de case 340.000 persoas

20/10/2006 Converter a Santiago na central de compras de Galicia e do norte de Portugal é o obxectivo do Plan de Excelencia Comercial, que vén de presentar a Concellaría de Promoción Económica. Este programa vén acompañado dun estudo de diagnose, que indica que en Santiago hai 3.922 establecementos comerciais e hostaleiros, teñen unha clientela potencial de 339.966 persoas.

O Plan de Excelencia Comercial conta cun orzamento de 309.294 euros, dos que a práctica totalidade son achegados polo Concello e pola Deputación da Coruña. O seu obxectivo é presentar aos comerciantes servizos como: a formación e o asesoramento a emprendedores ou comerciantes, accións de dinamización e promoción, axudas para a mellora de instalacións e equipamentos ou a mellora da xestión e da calidade dos establecementos.

Este programa ten un punto de partida en forma de estudo, que reflicte que dos 3.922 establecementos, o maior peso segue a corresponder á hostalaría, á alimentación, ao téxtil e ao calzado. O establecemento comercial tipo está rexentado por un autónomo, ten entre catro e oito anos de antigüidade, está nun local alugado, dispón dun espazo de entre 51 e 100 metros cadrados e un cadro de dous traballadores.

O cliente tipo dos establecementos composteláns ten entre 20 e 54 anos, nivel de estudos de segundo grao, traballo por conta allea e un nivel de renda de 18.395 euros ano. A clientela potencial da cidade, 339.966 persoas, está composta polos residentes na cidade, na comarca e na súa área de influencia, así como por estudantes e turistas.

O 27% da mostra enquisada desprázase a outras cidades galegas para realizar as súas compras. As principais cidades ás que se achegan son A Coruña e Vigo e sinalan como motivos a maior variedade de produtos, a maior oferta comercial e o ocio.

Compartir: