ALCALDÍA

O reitor da USC agradece o labor do alcalde nos seus dous anos á fronte do CEER

20/10/2006 No salón de graos da Facultade de Económicas, o alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, cedeu a presidencia do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro. Este agradeceulle a Sánchez Bugallo a posta en marcha do organismo e o labor feito nos dous anos que estivo á fronte.

Barro recoñeceulle ao alcalde o esforzo realizado neste tempo, no que se puxeron a andar proxectos coma o "Campus en rede", unha revista científica ou un museo virtual universitario, no que aínda se está traballando. O reitor da USC asume agora o cargo, trala súa elección por unanimidade.

Tralo acto de traspaso de poderes, inaugurouse o Curso de Formación, Integración e Desenvolvemento Eurorrexional. Contou coas intervencións de Francisco Diniz, director do curso CEER na Universidade de Tras os Montes e Alto Douro (UTAD) e de Carlos Ferrás, director da Fundación CEER.

O Centro de Estudos Eurorrexionais xurdiu en 2004 no marco do Eixo Atlántico, do que forman parte 9 cidades de Galicia e outras tantas do Norte de Portugal, co obxectivo de por en común o traballo das seis universidades implicadas neste territorio en ámbitos como o da investigación.

Compartir: