ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

O concelleiro de Espazos Cidadáns participa nas II Xornadas de Mobilidade Sostible

19/02/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito a Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, participou durante a mañá deste venres na II Xornada de Mobilidade Sostible, celebrada en Madrid. No encontro tamén participaron os concellos de Oviedo, Zaragoza, Barcelona, Badalona, Valencia, Cádiz, A Coruña, Madrid e Pamplona.

Esta iniciativa parte da necesidade dunha nova forma de mobilidade sostible co propósito de que se adscriban todos aqueles municipios que compartan un obxectivo común. Este pasa polo cambio da mobilidade actual, baseada nun exceso de uso de vehículos privados, cara a unha mobilidade máis sustentable, acorde cos principios asinados en París para frear o cambio climático, mellora da calidade do aire, etc.

O concelleiro de Espazos Cidadáns coincide coas conclusións destas xornadas ao apostar por "devolver a cidade ás persoas, colocándoas no centro da mobilidade e reducindo o impacto do vehículo privado". Os concellos debateron sobre a creación e posta en marcha de protocolos contra a contaminación, aposta polo transporte público e fomento de transportes menos contaminantes, así como coa aspiración de colaborar na creación de ordenanzas comúns e crear redes de apoio mutuo en prol dunha transformación do modelo urbano cara a un modelo máis habitable.

Os concelleiros/as e técnicos/as presentes manifestaron, ademais, a necesidade de compartir experiencias de xestión concretas. Para iso creáronse varios grupos de traballo e creouse un documento no que se concretan os obxectivos e conclusións da xornada.

Compartir: