TURISMO

Asinado un convenio para garantir o funcionamento do Botafumeiro da Catedral todos os venres do ano

19/02/2016 O Botafumeiro da Catedral de Santiago funcionará todos os venres do ano, na misa do peregrino que se celebra ás 19:30 horas. É o obxectivo do convenio de colaboración que hoxe asinaron Turismo de Santiago, Hostalería Compostela, a Cámara de Comercio e a Catedral.

Segundo o acordo, esta acción, denominada "Homenaxe ao peregrino", será financiada a partes iguais por Turismo de Santiago, Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio. Cada unha das partes aportará 4.000 euros á Catedral, en concepto de taxas polo servizo de funcionamento do Botafumeiro. Os ingresos deberán facerse antes do 30 de xuño.

Despois da sinatura do convenio, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, explicou que, para o seu Departamento, "este é un xeito de garantir máis pernoctas en Compostela, sobre todo cara á fin de semana". A edil lembrou que este é o cuarto convenio anual que se asina con este obxectivo, e apostou por manter a colaboración entre os distintos sectores da cidade para lograr unha maior desestacionalización turística, e tamén para lograr os mellores resultados turísticos cara ao Ano Santo de 2021.

Pola súa banda, o administrador da Catedral de Santiago, Gonzalo García, salientou que por primeira vez neste convenio se inclúe "a creación dunha Comisión Mixta na que van estar representadas todas as entidades asinantes, e que analizarán outras posibilidades de colaboración entre as partes".

O convenio foi asinado polo alcalde e presidente de Incolsa, Martiño Noriega; a presidenta de Hostalería Compostela, Sara Santos; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o administrador da Catedral de Santiago, Gonzalo García.

Compartir: