ECONOMÍA E FACENDA

A concelleira de Facenda reunirase o martes coa Asociación de Familias Numerosas para explicarlles as bonificacións fiscais

19/02/2016 A ordenanza para 2016 é moito máis vantaxosa que a de cidades como Vigo e A Coruña. Ademais, este ano existe a oportunidade de bonificar entre o 65 e o 90%, bonificación que o ano anterior non se contemplaba.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, reunirase o vindeiro martes ás 16.30 horas coa Asociación de Familias Numerosas para aclararlle o cálculo con respecto ás bonificacións fiscais de 2016, que por primeira vez incorpora criterios de renda. Trátase dunha bonificación fiscal aprobada por todos os grupos políticos do Concello de Santiago.

A ordenanza incluída este ano é moi vantaxosa para este colectivo, xa que incorpora por primeiro ano unha bonificación en función da renda e non só atendendo ao valor catastral das vivendas. Ademais e, con respecto a outras cidades como Vigo, o importe para acceder ao máximo legal de bonificación do 90% é case o dobre, situándose nos 14.910 euros brutos anuais con respecto aos 6.155 euros da ordenanza olívica.

As persoas que en Santiago se poderán beneficiar dunha bonificación de entre o 30 e o 75% no Imposto de Bens Inmobles non teñen dereito á mesma noutras cidades galegas.

A concelleira trasladará esta información polo miúdo á Asociación de Familias Numerosas o próximo martes para que se acollan a esta bonificación atendendo aos cálculos correctos.

Compartir: