ACCIÓN CULTURAL

Uxía canta a Manuel María no Principal

19/02/2016 Uxía canta a Manuel María é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía, voz excepcional da música galega. Poderemos escoitalo o vindeiro luns 22 de febreiro, ás 20:30 h no Teatro Principal nun acto co que se abren os dedicados ao Día das Letras Galegas, que ten como protagonista ao poeta Manuel María.

Presentaron este concerto a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a propia Uxía; e Fran Rei, da Fundación Manuel María. As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65 anos, desempregados, familias numerosas, familias monoparentais e perceptores de rendas sociais). Poden mercarse no 902 434 443, en entradas.abanca.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal.

O espectáculo é o gozo sinxelo dun canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano. Un home, Manuel María, que andou esta terra parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, Uxía arroupa a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón, e o "latexar sincero da emoción" que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimos e prezado legado. O traballo musical vai percorrendo os diversos camiños e temáticas poéticas do escritor, dende a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, a máis transcendente e metafísica, ata a defensa da natureza ou a defensa da lingua.

O traballo presenta 15 cortes entre os que, ademais das novas composicións, se inclúen adaptacións de temas tan emblemáticos coma "O carro", cantada no seu día por Fuxan os Ventos, e o "Manual do señorito", por María Manuela. Como di a propia Uxía, "Manuel María é o gozo de vivir e eu fixen un pacto con el no disco anterior e que agora manteño, para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser po, seixo ou silveira".

Edición especial
A publicación de Uxía canta a Manuel María é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego, para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posiblr entre todos os públicos: do infantil ao adulto.

Trátase dunha fermosísima e moi coidada publicación que combina en formato CD a voz marabillosa e sensibilidade feita canción de Uxía pondo música a moitos dos versos de Manuel María, un código de descarga para visionar o audiovisual De amor e cantería (Premio Mestre Mateo á mellor obra experimental do ano 2011) e un orixinal porta-poemas acompañado dunha selección de 52 poemas (un por cada semana do ano). Cada exemplar, ademais, é único: acompáñao unha folla de carballo recollida con agarimo por Saleta e varias/os amigas/os da Casa-Museo nun lugar tan querido polo poeta como a Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei.

Compartir: