XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a apertura de prazos de solicitude de matrícula nas escolas infantís municipais

19/02/2016 A Xunta de Goberno aprobou este venres unha proposta do concelleiro delegado de Educación e Cidadanía, relativa á aprobación da apertura de prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. O alumnado actual terá que facer a reserva de prazas entre os días 1 e 10 de marzo, mentres que as solicitudes de novos ingresos serán tramitadas do 15 de marzo ao 15 de abril, no Rexistro Xeral do Concello en Galeras, ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche.

Segundo o acordado hoxe, a relación provisional de admitidos farase pública entre o 2 e o 10 de maio, e os solicitantes poderán facer as reclamacións que consideren oportunas no prazo de dez días naturais. A partir de aí, a relación definitiva de admitidos coñecerase entre o 25 e o 31 de maio. As matrículas terán que formalizarse entre o 1 e o 15 de xuño.

Solicitude de subvencións para contratación
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe a solicitude de dúas subvencións á Xunta de Galicia, para a contratación temporal de persoal. A primeira das axudas, por un importe de 245.169,64 euros, tería como obxectivo a contratación de 25 persoas en situación ou risco de exclusión social e preceptoras da RISGA. En concreto, serían 4 técnicos administrativos, 9 administrativos, 8 conserxes e 4 peóns, e os contratos terían unha duración de 7 meses.

A segunda das subvencións que lle van ser solicitadas á Xunta tería como obxectivo a contratación, por un período de tres meses, de tres traballadores de Protección Civil. O importe máximo da achega autonómica sería de 14.879,22 euros.

Na reunión desta mañá, o Goberno local tamén lle deu luz verde á apertura dun procedemento para adxudicar o contrato de Prestación integral dos servizos de conserxería e limpeza nas dependencias deportivas de Conxo. O tipo de licitación será de 27.435,45 euros máis IVE.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: