PLENO

Aprobada unha declaración institucional para a reconexión do barrio de Conxo

18/02/2016 O Pleno da Corporación aprobou este venres, na sesión ordinaria de febreiro, unha declaración institucional para instar ao Ministerio de Fomento a preservar un espazo para a cidadanía na parte superior da rotonda de Conxo. Os catro grupos coinciden en que é preciso favorecer "unha conexión superficial moito máis amable e peonil, sen antepoñer os intereses circulatorios que, en grande medida, van ter resposta co túnel".

A declaración institucional recoñece "as graves feridas" que supuxo para Conxo a construción do periférico nos anos 90, que produciu unha clara segregación entre a zona residencial do norte do barrio, e os grandes equipamentos da parte sur: a Igrexa, o Centro Psiquiátrico, o Centro de Saúde, o Centro Sociocultural, o Centro de Novas Tecnoloxías e o Hospital Provincial. No texto, os catro grupos da Corporación coinciden en que é preciso paliar os efectos da barreira que supón o periférico, tanto para a veciñanza de Conxo como para o conxunto da cidadanía de Compostela, de xeito que se poida concibir pasear a pé ou en bicicleta dende o Ensanche ao Hospital Provincial.

Esta declaración institucional substituíu un dos puntos da proposición presentada polo PSOE, para reclamar medidas que palíen os danos económicos sufridos polo barrio de Conxo pola demora das obras do túnel. No transcurso do debate desa proposta puxéronse de manifesto algunhas iniciativas xa impulsadas, en relación ao acondicionamento dun aparcamento na parcela reservada para o Centro de Saúde de Conxo ou á reclamación á Confederación Hidrográfica da recuperación das parcelas afectadas polas obras do colector.

Intervención da Plataforma de Emigrantes Retornados
O Pleno ordinario de febreiro arrancou coa intervención do portavoz da Plataforma de Emigrantes Retornados da Área de Compostela, no marco dunha moción presentada polo BNG en relación á situación deste colectivo. Manuel Domínguez Rial lembrou que "en Galicia viven uns 250.000 emigrantes retornados, que levan dous anos e medio loitando porque se recoñezan os seus dereitos". Na súa intervención, solicitoulle á Corporación que demande do Goberno do Estado que modifique a lexislación sobre tributación das pensións dos emigrantes retornados, e que asuma as sentenzas xudiciais que eximen de tributación no Estado español das pensións tributadas en Alemaña.

Área Santiago
No Pleno debateuse unha proposición do PP sobre a potenciación do grupo de promoción turística Área Santiago, que saíu adiante cos votos a favor do PP e do BNG, e a abstención de PSOE e Compostela Aberta. A concelleira de Turismo, Marta Lois, aproveitou para lembrar que o plan de acción do grupo Área Santiago para 2016 xa foi aprobado no pasado mes de decembro, cun orzamento total de 40.000 euros, unha cantidade idéntica a dos dous exercicios anteriores. Ese orzamento procede unicamente das achegas dos 16 concellos membros.

Por último, os catro grupos da Corporación déronlle luz verde por unanimidade a unha proposición do BNG para a creación dun rexistro de camiños públicos e a súa correspondente ordenanza. No Pleno quedou de manifesto que non existe un inventario oficial ao respecto dende os anos 70, se ben en 1995 se elaborou un rexistro que non é oficial.

Compartir: