ALCALDÍA

O alcalde de Santo Domingo foi recibido en Raxoi

20/10/2006 A Casa do Concello foi escenario do encontro que mantiveron os rexedores de Santiago e Santo Domingo de Guzmán, capital da República Dominicana. Xosé A. Sánchez Bugallo departiu co seu homónimo, Roberto Salcedo Gavilán, por espazo de media hora e trataron temas que incumben a ámbalas dúas urbes, que teñen en común ser cidades Patrimonio da Humanidade declaradas pola UNESCO.

Santo Domingo de Guzmán é unha cidade cosmopolita, puxante, cargada dun profundo pasado histórico asociado á conquista do continente americano. A súa Zona Colonial, declarada Patrimonio da Humanidade, conta con importentes edificios como a Catedral Primada de América, a primeira católica no continente; o Alcázar de Colón; o Mosteiro de San Francisco; a Fortaleza Ozama ou a Igrexa do Convento Dominico, o primeiro que se construíu en América.

Os responsables municipais de Santo Domingo están en Galicia para irmandarse coa cidade pontevedresa da Guarda, pero non quixeron deixar de pasar por Santiago, unha cidade que á súa vez, está irmandada con outra cidade dominicana, Santiago de los Caballeros.

Compartir: