DEPORTE

Case 200 nadadores e nadadoras daranse cita esta fin de semana en Santiago na Copa Galega Alevín de Inverno

18/02/2016 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou en rolda de prensa o Campionato Galego Alevín de Inverno de Natación, que terá lugar esta fin de semana nas Piscinas de Santa Isabel.

Os días 20 e 21 de febreiro daranse cita na nosa cidade case 200 nadadores procedentes de 21 clubs distintos de Galicia. O equipo con máis representantes é o CN Portamiña de Lugo, con 19 nadadores, seguido do CN Ferrol, con 16, e do CN Liceo da Coruña, con 15. O club anfitrión, CN Cidade de Santiago, que organiza a competición en colaboración coa Federación Galega de Natación, participará con 9 nadadores.

O campionato servirá de proba de selección para o Campionato de España por Autonomías a celebrar os vindeiros 12 e 13 de marzo en Plasencia (Cáceres).

As probas comezarán ás 10:00 e retomaranse a partir das 17:00 horas. A concelleira de Deporte, Noa Morales, animou a toda a veciñanza a acudir ás piscinas de Santa Isabel esta fin de semana, nun evento que será positivo para o conxunto da cidade. Trátase da primeira vez que se celebra o Campionato Galego Alevín de Inverno na cidade, que se desenvolverá coa mesma estrutura que o autonómico.

Na rolda de presentación da proba, a concelleira estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Bremón, e polo director técnico do Club Natación Cidade de Santiago, José Rioseco.

Compartir: