DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E POLÍTICAS SOCIAIS

Doce persoas emprendedoras participan no primeiro Grupo de Traballo Creativo organizado polo Concello de Santiago

18/02/2016 As concelleiras de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron os resultados do primeiro programa de Adestramentos Colaborativos para a creación dun Grupo de Traballo Creativo organizado polo Concello. As concelleiras estiveron acompañadas pola coordinadora do programa, María Traveso, e dúas das persoas participantes no mesmo, Xaime Cortizo e Lía Cotón.

O Grupo de Traballo Creativo enmárcase dentro do novo programa de dinamización económica Compostela Móvese, que naceu en outubro do ano pasado co obxectivo de apoiar un novo modelo de desenvolvemento local, endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia de Santiago. Precisamente, unha das principais liñas de traballo de Compostela Móvese é o fomento da economía colaborativa, como piar dun modelo económico máis social e sostible.

A organización do grupo a través de adestramentos colaborativos xorde da consideración de que a procura de novas oportunidades, a solución de problemáticas compartidas por múltiples persoas e o deseño e desenvolvemento de proxectos comúns deben partir dos seus verdadeiros protagonistas. Así, as claves para o funcionamento dos grupos colaborativos son: estar formado por un número reducido de persoas con capacidades complementarias; cunha especialización, implicación e interese común; e cuns obxectivos de traballo, unha planificación común e unha responsabilidade compartida.

O programa desenvolveuse entre outubro e decembro do ano pasado. En outubro de 2015 lanzouse unha convocatoria para a participación no programa á que se presentaron 31 solicitudes, das cales foron seleccionadas 12 persoas participantes, valorando tanto a capacidade da súa idea empresarial para contribuír ao traballo do grupo e ao desenvolvemento económico da cidade como a análise das sinerxias que se poderían xerar no grupo entre as diferentes persoas e as súas ideas empresariais.

O grupo quedou composto por persoas emprendedoras de diversos ámbitos, como a artesanía, cultura ou turismo, con proxectos diversos como a Elaboración de lámpadas artesanais con materiais de refugallo, Fotografía e comunicación visual, Actividades de dinamización cultural, creación de agasallos con diversas linguaxes artísticas, Cursos de español para persoas que fan o Camiño de Santiago, Produción sostible de roupa, una escola de vida natural...

O traballo do grupo dividiuse en dúas fases. Na primeira fase celebráronse diferentes sesións de traballo nas que se traballou a viabilidade dos proxectos empresariais e a posibilidade de establecer alianzas entre os participantes e os seus proxectos. Na segunda fase fixéronse tres actividades complementarias: a maduración dos proxectos individuais a través de titorías personalizadas, o deseño dun proxecto colaborativo para o espazo Caramoniña, e unha visita didáctica á Ulloa para coñecer empresas que son exemplos de boas prácticas como empresas sostibles e colaborativas.

Adestramentos Colaborativos
Os Adestramentos Colaborativos, que se dirixen a persoas emprendedoras, son complementarios ao programa Colabora, organizado tamén polo Concello, pero que neste caso se dirixe a persoas en situación de desemprego. O proxecto Colabora comezou en novembro, coa creación dun grupo de quince persoas seleccionadas a partires de varias dinámicas de grupo orientadas a detección de valores colectivos. O grupo comezou a traballar con diferentes profesionais dende unha perspectiva multidisciplinar, unindo psicoloxía, coaching e consultoría, co fin de mellorar a empregabilidade dos participantes a través de novos modelos.

Para o 2016, o Concello de Santiago realizará unha nova convocatoria para sumar participantes ao grupo de traballo iniciado no 2015, co gallo de sumar iniciativas económicas e experiencias que paga a pena coñecer e compartir e que conten cos ingredientes chave destes grupos, que son: o compromiso co propósito do proxecto, ter un obxectivo de traballo, unha planificación común e unha responsabilidade compartida.

Compartir: