CONVIVENCIA

A Policía Local organiza unha charla sobre os sistemas de retención infantil

18/02/2016 A Policía Local quere concienciar aos pais da importancia de utilizar de xeito correcto os sistemas de retención infantil nos vehículos. É por iso que ven de organizar unha charla-obradoiro no centro de saúde de Fontiñas a próxima semana. A coordinadora do Departamento de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, foi a encargada de presentar esta actividade, que se desenvolverá o luns, en horario de 10:00 a 12:00, e o martes, de 17:00 a 19:00 horas. A charla correrá a cargo da especialista en puericultura Alicia García Ferrín.

Diana Parente explicou que "é preciso concienciar aos pais da importancia das cadeiras para os coches, porque a súa boa utilización reduce nun 75% as mortes e nun 90% as lesións dos cativos en caso de accidentes de tráfico". Ademais, insistiu en que "os dispositivos de retención débense usar sempre, con independencia de que sexa para traxectos curtos ou a baixa velocidade". Tamén lembrou que a nova normativa recomenda levar os cativos no sentido contrario da marcha, sobre todo ata os 15 meses de idade.

Na mesma liña, a encargada de impartir a charla da próxima semana insistiu en que "os pais teñen que ter claro que a compra máis importante que van facer para o seu bebé e a cadeira do coche". Alicia García Ferrín sinalou que o obxectivo do obradoiro é que eses dispositivos se utilicen ben, porque "dúas de cada tres veces van mal instalados". A especialista en puericultura deu algúns consellos de fácil aplicación como "quitarlles sempre os abrigos aos cativos cando vaian no coche, porque esas prendas dificultan o agarre cos cintos; comprar as cadeiras adaptadas aos nosos vehículos; e ter en conta a altura dos nenos á hora de mercar os dispositivos, e non só o seu peso".

A charla-obradoiro sobre sistemas de retención infantil ten prazas limitadas, e por iso é preciso inscribirse no mesmo centro de saúde de Fontiñas ou no seu teléfono, 981 552 914.

Compartir: