ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Todas as actuacións comprometidas quedan recollidas nos Orzamentos do Estado"

20/10/2006 Na súa habitual rolda de prensa de resumo da actualidade semanal, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou como "notable" o esforzo inversor recollido nos Orzamentos Xerais do Estado. Ao seu xuízo, "todas as actuacións comprometidas con Santiago quedan recollidas nestes orzamentos".

Sánchez Bugallo referiuse ás últimas enmendas pactadas, que se introducirán nos Orzamentos e permitirán resolver as dúbidas que existían sobre a partida económica para a nova depuradora. Ademais, incrementaranse dúas partidas das inicialmente previstas: a da Biblioteca Pública e a das obras na Praza de Abastos. Entre os demais compromisos, volveu a destacar o destinado á nova terminal do aeroporto de Lavacolla.

Precisamente respecto ao aeródromo, o alcalde felicitouse polos últimos datos de tráfico de viaxeiros. En setembro pasaron por Lavacolla 199.000 viaxeiros, o que constitúe una "marca histórica". Entre as cifras, salientou a de 89 pasaxeiros de media de ocupación por avión, moi superior á dos outros aeroportos galegos, que se sitúa en 63 e 64. Para Sánchez Bugallo, estes datos de ocupación permitirán que o ano que vén poidan aumentarse as expedicións. Outra cifra destacable é a suba dun 20% na circulación de mercadorías, superado o baixón producido polo traslado do centro loxístico de Inditex a Zaragoza.

Parque de Bombeiros e PXOM

O rexedor compostelán tamén se referiu á paralización das obras do Parque de Bombeiros e indicou que se está á espera do informe da dirección facultativa para tomar a decisión que sexa mester. En calquera caso, remitiu á comparecencia voluntaria do concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, no Pleno municipal do xoves 26 de outubro.

Ese mesmo día, nun Pleno extraordinario, aprobarase a redacción definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tras incorporar todas as alegacións aprobadas en xullo. Son 6.000 páxinas que agora serán remitidas á Xunta de Galicia para a aprobación definitiva do proxecto e a súa entrada en vigor.

Compartir: