MEDIO AMBIENTE

O Concello explora a posibilidade de ampliar a Vía Verde a Tordoia e Cerceda

15/02/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia segue a traballar para facer realidade a Vía Verde Santiago-Ordes, un proxecto do que se empezara a falar en 2008 pero que non chegou a executarse. Hoxe, Xan Duro presidiu no Pazo de Raxoi unha xuntanza cos representantes dos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda, co obxectivo de analizar a posibilidade de prolongar o trazado aos dous últimos municipios.

A incorporación de Tordoia e Cerceda ao proxecto foi unha suxestión que o edil de Medio Ambiente recolleu na reunión que mantivo en Madrid coa xerente de Vías Verdes da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. De sumárense, o trazado acadaría unha extensión de 36,9 quilómetros. Deles, por Compostela discorrerían 12,6 quilómetros, 5,8 por Oroso, 8,1 por Ordes, 2,5 por Tordoia e 7,9 quilómetros corresponderían ao municipio de Cerceda. Se despois desta primeira reunión Tordoia e Cerceda deciden apoiar o proxecto, sería preciso actualizar o protocolo para a creación, xestión, explotación e mantemento da Vía Verde asinado en 2008.

O proxecto suporía a posta en valor dos antigos camiños do ferrocarril, e por iso a súa posta en marcha depende de que ADIF permita a utilización dos terreos. De feito, os concellos de Santiago e Oroso xa mantiveron diversos contactos ao respecto tanto co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias como co Ministerio de Fomento. As Vías Verdes teñen unha gran potencialidade turística, ambiental e patrimonial, e por iso o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia considera este proxecto como prioritario.

Na reunión desta tarde con Xan Duro participaron o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; a concelleira de Medio Rural e Medio Ambiente de Ordes, Ana María Soneira; o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares; e a concelleira de Cerceda Matilde Begoña Rodríguez Rumbo.

Compartir: