CONSORCIO

O actor Luís Tosar interpreta o "Hamlet" de Shostakóvich este xoves coa Real Filharmonía

15/02/2016 No seu concerto desta semana, a Real Filharmonía de Galicia réndelle homenaxe ao poeta, dramaturgo e actor inglés William Shakespeare, do que se cumpren 400 anos da súa morte. Será o xoves, 18 de febreiro, no compostelán Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas, baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, Paul Daniel.

Os músicos achegarán ao público Hamlet, de Dmitri Shostakóvich (1906-1975), considerado un dos compositores máis importantes do século XX. Compuxo esta obra para a versión rusa da película que se fixo en 1964, unha adaptación da traxedia de Shakespeare sobre o príncipe de Dinamarca disposto a vingar a morte do seu pai.

Hamlet é a peza máis longa de Shakespeare e unha das traxedias máis influentes da literatura inglesa. O insigne compositor ruso aplica en forma de música o sentido real do relato shakesperiano, cunha partitura que desvela os conflitos internos, o amor do fillo polo seu pai e o imprevisible carácter do protagonista, subliñando as imaxes con intensas melodías. E nesta ocasión contarase coa voz do actor galego Luís Tosar, que participará nesta homenaxe como narrador.

O pianista Nicholas Angelich
Ademais, o público terá a oportunidade de gozar co pianista estadounidense Nicholas Angelich, que interpretará o Concerto para piano nº 3 de Prokofiev (1891-1953). Comezou a estudar piano coa súa nai aos cinco anos, aos sete ofreceu o seu primeiro concerto e aos trece ingresou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, onde obtivo o primeiro premio de piano e música de cámara.

Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu multitude de galardóns en certames internacionais de piano. En 2003 debutou coa Filarmónica de Nova York no Lincoln Center e en 2004 realizou unha xira por Xapón coa Orquestra Nacional de Francia. Actuou coas principais orquestras de Norteamérica, Europa, Corea do Sur, Xapón e China. Traballou baixo a dirección dos directores máis prestixiosos e os seus discos recibiron os máis importantes galardóns da música.

A Sinfonía nº 10 de Mendelssohn
Os músicos tocarán tamén a Sinfonía para cordas nº 10 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Escribiu as súas 12 Sinfonías para corda cando tiña entre 12 e 14 anos de idade. Foron as súas primeiras obras e non se publicaron ata despois da súa morte, pola habitual razón de Mendelssohn de prohibir a publicación da partitura das súas obras. Nelas apréciase a enorme atracción que o compositor sentía por Mozart e, sobre todo, por Bach. Da número 10 só se conserva un movemento.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto, o director titular da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: