ACCIÓN CULTURAL

Uxía canta a Manuel María no Principal

15/02/2016 Uxía canta a Manuel María é un traballo musical sobre poemas de Manuel María realizado por Uxía, voz excepcional da música galega e sensibilidade feita canción. Publicouse un CD resultado da gravación "ao vivo" do concerto celebrado na Casa-Museo do escritor (Outeiro de Rei) o 6 de outubro de 2015, día no que Manuel María cumpriría 86 anos. Agora, poderemos escoitar os temas en directo no Teatro Principal, o luns 22 de febreiro ás 20:30 horas.

O espectáculo é o gozo sinxelo dun canto ao gardador das albas que nos fai crer aínda no ser humano. Un home que andou esta terra parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face. Seguindo o seu exemplo, Uxía arroupa a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón, e o "latexar sincero da emoción" que emana dos seus poemas e amando cada palabra, cada verso e cada nota para poñer en valor o seu valiosísimos e prezado legado.

O traballo musical vai percorrendo os diversos camiños e temáticas poéticas do escritor, dende a amorosa e intimista, á paisaxística e popular, á máis transcendente e metafísica, ata a defensa da natureza ou a defensa da lingua.

O traballo presenta 15 cortes entre os que, ademais das novas composicións, se inclúen adaptacións de temas tan emblemáticos coma "O Carro", cantada no seu día por Fuxan os Ventos e o "Manual do Señorito", por María Manuela.

Como di a propia Uxía, "Manuel María é o gozo de vivir e eu fixen un pacto con el no disco anterior e que agora manteño, para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser po, seixo ou silveira".

Edición especial
A publicación de Uxía canta a Manuel María é, sen dúbida, unha das máis orixinais novidades que a Casa-Museo Manuel María vén de editar nos últimos tempos dentro dun amplo e diverso catálogo de publicacións que ten por obxectivo aproveitar a oportunidade que representa 2016 como ano no que se dedican as Letras Galegas ao autor chairego, para que a súa obra se lea e acade a máxima difusión posible entre todos os públicos: do infantil ao adulto.

As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.abanca.com

Compartir: