EQUILIBRIO TERRITORIAL

Avanzan as obras de reparación de fochancas

15/02/2016 Na mañá deste luns comezaron as obras de reparación de fochancas na zona norte da cidade, en concreto na vía La Cierva, na rúa Tabaniscas e no Cruceiro da Coruña. O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta da marcha destes traballos, que comezaron a semana pasada despois de que o Goberno habilitara un procedemento pola vía de emerxencia. Rafael Peña recoñeceu que "as condicións meteorolóxicas seguen sen ser as máis favorables, pero é preciso acometer estas reparacións nalgúns puntos moi sensibles para a seguridade viaria".

A día de hoxe están traballando simultaneamente na reparación de fochancas dúas brigadas da empresa Joscón e outras dúas da empresa Oviga. A Policía Local está tendo presenza nas zonas máis conflitivas, para informar aos condutores dos cambios no tráfico derivados destas obras. Ao mesmo tempo, Tussa está dando conta puntualmente das modificacións nos itinerarios e nas paradas dos autobuses urbanos.

Zonas escolares
O concelleiro explicou que os puntos máis sensibles, como as zonas de colexios, están a ser obxecto dunha planificación máis coidada das obras. Nese sentido, apuntou que "a empresa, a Policía Local, e as concellerías implicadas están a organizar o calendario de actuacións na rúa da Virxe da Cerca, para intentar minimizar o impacto dos traballos".

Rafael Peña aproveitou para reiterar as desculpas do Goberno polos problemas xurdidos o pasado xoves na zona de Lamas de Abade, a consecuencia das obras de reparación de fochancas. O edil explicou que a intención do Concello era rematar os traballos o mércores, día non lectivo, pero non puido ser a consecuencia do mal tempo. Ademais, sinalou que "na mesma rúa quedou pendente unha reparación, que se adiou ata Semana Santa para non afectar ao paso dos autobuses escolares".

O edil amosouse confiado en que "a mellora que se agarda nas condicións meteorolóxicas nos vindeiros días permita avanzar no ritmo dos traballos". Rafael Peña lembrou que, ademais destas primeiras obras aprobadas pola vía de emerxencia, o Goberno está tramitando outros dos contratos para a reparación de fochancas, con cargo aos orzamentos prorrogados de 2015. En total, nos vindeiros meses investiranse máis de 300.000 euros en actuacións de mantemento.

Compartir: