ALCALDÍA

O Concello colaborará na celebración do 150º aniversario do nacemento Valle-Inclán

15/02/2016 O alcalde, Martiño Noriega, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi a Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do dramaturgo de Vilanova de Arousa. O obxectivo do encontro era avanzar na definición das actividades coas que se vai celebrar o 150 aniversario do nacemento do escritor. Na reunión tamén participou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

O rexedor explicou que se están barallando distintas propostas que van dende publicacións a roteiros, pasando por actos para reivindicar a figura de Ramón María del Valle-Inclán. En todo caso, Martiño Noriega sinalou que nas actividades tamén estarán implicadas a Consellería de Cultura e o Consorcio, polo que as tres administracións terán que traballar de xeito coordenado.

Ramón María del Valle-Inclán naceu o 28 de outubro de 1866 en Vilanova de Arousa, e morreu en Compostela o 5 de xaneiro de 1936. Coincidindo con esta última data, a Fundación Valle-Inclán organizou unha ofrenda floral na tumba do escritor no cemiterio de Boisaca, na que tamén participou o alcalde, Martiño Noriega.

Compartir: