CIDADE

Os Concellos de España reclaman unanimemente o seu protagonismo na sociedade

15/04/2005 O vindeiro 19 de abril todos os concellos do Estado celebrarán plenos extraordinarios co obxectivo de referendar a Carta de Vitoria, un decálogo de medidas que subsanen o actual esquecemento das corporacións democráticas por parte tanto da Admistración central como das administracións autonómicas, e esixir o pago da denominada "débeda histórica".

A Comisión Executiva da
FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) acordou o pasado mes de febreiro a convocatoria de plenos extraordinarios en todos os concellos de España o próximo 19 de abril, co propósito de referendar a Carta de Vitoria e esixir o pago da denominada "débeda histórica".

Coincidindo coa conmemoración en case que todos os concellos de España do XXVI aniversario da constitución das primeiras corporacións democráticas, este pleno convócase nesa data, cun alto valor simbólico, ás 12.00 horas.

Recoñecidos expresamente como un dos principais factores de transformación social durante a transición por canto foron as cidades o escenario principal onde os cidadáns poideron constatar o exercicio das libertades, os municipios foron sen embargo os grandes esquecidos nun proceso de transvase de recursos e competencias que primou as comunidades autónomas.

A reclamación unánime dos concellos, que arrastran unha alarmante penuria económica polo crecente desfase entre recursos económicos e servicios que prestan aos cidadáns, incide na correción deste desequilibrio, que veu aínda a acentuarse coa supresión da recaudación do Imposto de Actividades Ecónómicas, un dos principais ingresos das corporacións locais.

Un decálogo consensuado
A Carta de Vitoria contén un decálogo que resume as reivindicacións e demandas que desde o municipalismo estatal se veñen facendo desde hai varios anos, a fin de garantir o eficaz cumprimento das funcións que lle encomenda a Constitucións e lles reclaman os seus cidadáns, tanto en relación coas súas competencias como cos seus recursos.

Nestes anos, estableceuse un sistema de financiamento e unhas competencias definidas para os Concellos. Pero tamén tiveron que facer fronte ás novas demandas cidadáns, suplindo funcións e prestando servizos de substitución doutras instancias e subtraendo recursos doutros fins, o que xerou a chamada "débeda histórica" cifrada no 30 por cento dos seus recursos.

A FEMP esixe ao Goberno o pago desta débeda e a solución dos problemas de financiamento, antes de negociar calquera outro asunto como o Libro Branco ou o Goberno Local, un documento que en opinión da FEMP, ten propostas de reforma ao réxime local pero non contén alternativas de financiamento ao sistema actual.

Documentos relacionados



Compartir: