CULTURA

Un festival solidario convida a tomar conciencia sobre os trastornos alimenticios

19/10/2006 Chamar a atención sobre as causas e os efectos das enfermidades motivadas polos trastornos alimenticios é o obxectivo do Festival Solidario que o venres 20, ás 20:30 horas, se celebra na Sala Mozart Auditorio de Galicia. Con esta gala, a Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (Abagal) quere convidar á sociedade a tomar conciencia sobre un problema que está de plena actualidade e que afecta sobre todo aos máis novos.

A gala contará coa introdución dunha psiquiatra da unidade que, no Hospital de Conxo, atende a estas persoas que sofren trastornos alimenticios. Precisamente, a propósito da atención sanitaria, a presidenta de Agagal, María Flora Cajide, reclamou maior compromiso público con este problema, xa que a unidade de Conxo é a única existente en Galicia.

Trala intervención da psiquiatra, proxectaranse unhas diapositivas con debuxos e frases de persoas afectadas por estes trastornos e a través das cales amosarán as súas experiencias e pensamentos. Posteriormente, a compañía Pífano Teatro realizará un recital poético, baixo o título de "Ventos". Tamén colaborará na gala o grupo de metais de Galicia.

E para rematar, un desfile solidario, no que participarán personaxes coñecidas coma Os Tonechos, Toñito de Poi, Tamar Novas, Isi ou Os dous de sempre. Ademais das súas dotes para exhibir a roupa, algúns deles amosarán ao público algún número cómico.

Asistir a esta gala solidaria custará unicamente seis euros. As entradas poden recollerse no Auditorio de Galicia, na praza do Toural ou no Centro Sociocultural de Conxo, onde Abagal ten a súa sede.

Compartir: