EDUCACIÓN E MOCIDADE

Educación e Mocidade presenta o seu programa de actividades para o curso

19/10/2006 Como cada ano, a Concellería de Educación e Mocidade presentou os seus programas e recursos para o curso 2006-2007. Aparecen recollidos nunha publicación, que recompila todas as actividades que este Departamento, ben dun xeito directo ou a través doutras entidades, pon a disposición da comunidade educativa.

Entre outras cuestións, o libro recolle os datos básicos de tódolos centros de ensino non universitario da cidade, daquelas entidades que desenvolven actividades educativas e dos equipamentos municipais. A todo isto, engádese unha ampla relación e explicación dos programas de actividades que se poñen a disposición dos centros de ensino, co obxectivo de que "a Escola estea aberta á sociedade", segundo indicou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos.

Para este curso mantéñense moitos dos programas, como o de seguridade viaria ou o de autoprotección, pero con importantes novidades. No caso doutras actividades, optouse pola reestruturación. É o caso do certame de danza, que este ano se pretende consolidar, achegándoo ás escolas e facilitando a difusión de todo o que se fai en Compostela nesta disciplina. Finalmente, introdúcense novos programas, coma un de música e teatro ou o proxecto Terra.

Compartir: