TURISMO

Arranca o Entroido Gastronómico da Ulla con 25 restaurantes participantes

27/01/2016 Este sábado comeza o Entroido Gastronómico da Ulla, no que 25 restaurantes dos concellos da comarca nos que se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla ofertarán menús especiais con pratos e produtos típicos destas datas. Os menús especiais poderán degustarse nas fins de semana nas que se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla, do 30 de xaneiro ao 14 de febreiro.

Os concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces colaboran na organización do Entroido Gastronómico, concibido como un evento complementario ao propio Entroido dos Xenerais da Ulla. Ademais, os concellos tamén promoven o turismo rural, a través de paquetes específicos para vivir o Entroido dos Xenerais da Ulla.

A gastronomía é un dos principais atractivos da zona da Ulla, xa que se trata dunha comarca produtora, entre outros, de queixos, viños albariños, augardentes e licores con Denominación de Orixe Protexida, pero tamén de carnes, filloas, melindres e mesmo lampreas características da gastronomía na época de Entroido.

O Entroido é por excelencia o tempo da carne, como a tenreira e a galiña, aínda que o auténtico protagonista é o porco: o lacón, os chourizos e as cacheiras, o morro e as orellas, que xunto cos grelos e as patacas acompañadas de fabas ou garavanzos, compoñen o cocido, o prato máis típico destas datas na Ulla.

Entre as sobremesas típicas do Entroido destacan as filloas, as orellas de fariña e anís, e os melindres e rosquillas, sen esquecer ao atemporal queixo con marmelo, como non podía ser doutro xeito nunha comarca queixeira como a da Ulla. Canto ao peixe típico da época do Entroido destaca a lamprea, xa que o río Ulla, no seu curso baixo, é un gran subministrador deste peixe único, que nesta tempada ten unha ampla presenza nas cartas dos restaurantes de toda esta zona.

Os establecementos participantes no Entroido Gastronómico dos Xenerais da Ulla son: Taberna Aurora, Casa de Xantar Casa Castro; Gastrotaberna Esmorga, Restaurante Paz Nogueira, A Carballeira de Chousiño, Bodegón Esther, Casa de Xantar A Culler, Casa Grande de Fuentemayor, Hotel Victorino, Restaurante A Moa, Restaurante Conde Rey, Restaurante González, Restaurante O Que Dirán, Casa Louzao, Pazo de Andeade, Restaurante Parillada Aldea Grande, Restaurante Roberto, Restaurante Villa Verde, Pazo Vista Alegre, Casa Castro, Casa Don Din, Casa Lodeiro "A de Rafael", Restaurante Galicia e Restaurante O Refuxio.

As casas de turismo rural participantes son: Casa da Botica, Torres de Moreda, Valfresco, A Casa da Torre Branca, Casa Grande de Cornide, Casa Suárez, Pazo Cibrán, Casa Don Din, Casa Torres e Casa San Ginés.

Toda a información sobre os Xenerais da Ulla pode consultarse en: www.xeneraisdaulla.com

Direccións relacionadas



Compartir: