ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello reparará as arquetas mal instaladas nas obras da rúa dos Basquiños

27/01/2016 O Concello vai acometer a reparación das arquetas que quedaron mal instaladas nos Basquiños, durante as obras de reurbanización da rúa. Estes traballos comezaron en agosto de 2014, e finalizaron un ano despois, pero nestes meses foron moitas as queixas dos veciños da zona polo ruído que producían as arquetas ao paso dos vehículos. A actuación correrá a cargo da empresa que executou a reforma da rúa, posto que estas obras aínda están en garantía.

A reparación das arquetas obriga a cortar o tráfico nos Basquiños dende este xoves ata o luns 1 de febreiro, ambos incluídos. A medida aféctalle ao carril dereito de saída cara a praza da Paz, no tramo comprendido entre a rúa de Santa Clara e a travesa dos Basquiños. A circulación de entrada ao centro da cidade dende a Praza da Paz non se verá afectada.

Cambios en tráfico e transporte urbano
Os vehículos que queiran ir cara a praza da Paz deberán desviarse pola avenida de Coímbra para saír á avenida de Xoán XXIII. Os que queiran acceder á rúa do Espírito Santo deberán facelo dende a praza da Paz, baixando pola rúa dos Basquiños.

O corte de tráfico tamén lle afecta ao transporte público, aínda que só nos traxectos en dirección norte (de Santa Clara a Pastoriza). As liñas afectadas son a L1, L4, L5, L8, P1, LP2, LP6 e LP7.

Por este motivo, mentres dure o corte de tráfico, quedarán suprimidas as paradas de autobús situadas á altura do número 28 da rúa dos Basquiños e do número 22 da rúa da Pastoriza. Os usuarios poderán utilizar as paradas situadas nas rúas de San Roque, San Caetano, Anxo Casal ou avenida de Castelao.

Compartir: