ALCALDÍA

O alcalde destaca o Museo de Historia Natural Luis Iglesias como un referente na cidade e aposta por darlle maior visibilidade

27/01/2016 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, achegáronse este mediodía ao Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Foi unha visita que quedara comprometida dende a xuntanza que o rexedor mantivo, no Pazo de Raxoi, coa directora do centro. Da man da directora do Museo, Mabel Fraga, o alcalde e Xan Duro coñeceron polo miúdo o Museo, que ocupa un edificio construído para ese fin na Finca de Vista Alegre

Martiño Noriega sinalou que "o Museo de Historia Natural é unha das referencias de Compostela, e por iso é preciso darlle unha maior visibilidade". Por iso, o alcalde comprometeuse coa directora do centro a buscar vías de colaboración, que poderían implicar tamén ás asociacións veciñais e aos colexios da cidade. A maiores, Martiño Noriega quixo animar á cidadanía compostelá a coñecer o museo.

Máis de 30.000 visitas anuais
O Museo de Historia Natural Luis Iglesias ten a súa orixe no século XIX, vinculada á creación da Cátedra de Historia Natural da Universidade de Santiago no curso 1840-1841. O que empezou sendo un Gabinete de Historia Natural conseguiu a categoría de museo no ano 1906, e chegou a ocupar dúas plantas do que hoxe é a Facultade de Xeografía e Historia. En 1961 foi trasladado á antiga Facultade de Ciencias, hoxe Facultade de Química. Por fin, dende 2014 ocupa un edificio propio, na Finca de Vista Alegre.

O Museo de Historia Natural Luis Iglesias reúne coleccións que son o resultado das investigacións dos científicos galegos máis relevantes, e de aí a súa enorme potencialidade tanto desde o punto de vista educativo como social. As súas exposicións permanentes están vinculadas á xeodiversidade e á biodiversidade, tanto mariña como terrestre. A maiores, o Museo acolle mostras temporais. A que se pode visitar na actualidade é a colección de minerais de Joaquín Pardo, formada por máis de 5.000 exemplares extraídos de xacementos de todo o mundo.

En 2015, o Museo recibiu máis de 30.000 visitas. O centro ofrece a posibilidade de facer visitas guiadas, con reserva previa.

Compartir: