MEDIO AMBIENTE

O Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos de Santiago articula a cidade a través da natureza e das persoas con medidas aplicables a medio e longo prazo

26/01/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos de Santiago, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo responsable do documento, o arquitecto Iñaki Alday. O edil explicou que este informe servirá "para definir as estratexias e actuacións a realizar nas distintas zonas do municipio, tanto nas parroquias como no ámbito urbano".

Xan Duro lembrou que a elaboración do Plan Director era unha das melloras establecidas no contrato de mantemento dos parques e xardíns, do que resultou adxudicataria Ferrovial. A empresa, xa que logo, asumiu os custos da redacción do documento, 144.085 euros.

Este documento, segundo salientou o edil, "facíase necesario dada a escasa regulamentación das zonas verdes e do espazo público de Compostela unha cidade que conta con 28 metros cadrados de parque por habitante".

Pola súa banda, Iñaki Alday salientou que Santiago é "un modelo de cidade e unha referencia urbana desde hai xa varias décadas, porque soubo converterse nunha cidade viva na que o patrimonio histórico ten continuidade no patrimonio contemporáneo". Explicou que o obxectivo do Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos é "articular a cidade e o territorio non través das infraestruturas, como era tradicional, se non a través das persoas e da natureza". Para iso, O documento asinado por Alday non aposta por un modelo de "anel verde" como o que se utiliza en cidades como Vitoria ou Milán, senón por "un territorio verde, no que xogan un papel fundamental os ríos Sar e Sarela pola súa potencialidade de ligar espazos tanto dentro como fora da cidade".

Un Plan a tres escalas
O Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos analiza o conxunto do municipio de Santiago atendendo a varias escalas: a territorial, que se corresponde coas parroquias; a urbana, tendo en conta a súa relación co contorno natural inmediato; e a das áreas verdes consolidadas. Dentro de cada unha destas escalas tivéronse en conta catro sistemas: o sistema verde (bosques forestais, ámbitos fluviais, terreos dedicados ao sector primario e zonas verdes da cidade); o sistema de espazo público (relativo a convivencia entre a mobilidade rodada e a peonil, e ás vinculacións históricas entre o ámbito rural e o urbano); o sistema da auga (cursos fluviais do Sar e do Sarela e o seu aproveitamento); e o sistema de usos (en relación ás potencialidades do espazo público de Santiago).

O Plan Director presentado hoxe propón tres ideas en relación á chamada escala territorial ou das parroquias. A primeira pasa por fomentar o sector secundario vinculado ao primario agrícola, apoiando iniciativas privadas de produción do valor engadido dos produtos por cuestión de proximidade, identidade ou ecoloxía. A segunda proposta do documento en relación á zona rural é a reconstrución dunha rede de camiños locais entre as parroquias e o centro urbano, e a terceira ten que ver coa protección da paisaxe, situándoa no primeiro plano das políticas patrimoniais, fomentando os corredores ecolóxicos, e elaborando un catálogo da paisaxe.

No que ten que ver coa escala municipal ou urbana, o Plan Director incide na gran vinculación da cidade de Santiago co medio natural e rural do municipio. O documento aposta por reforzar esa conexión fomentando o mosaico forestal, consolidando os corredores fluviais e naturalizando os espazos urbanos. O obxectivo, segundo o informe asinado por Iñaki Alday, é establecer unha rede de eixos verdes radiais que enlace nas pequena se grandes zonas axardinadas da cidade coas áreas naturais circundantes e mesmo cos espazos agrícolas e forestais.

Tamén se aposta por potenciar os camiños históricos vinculados á peregrinación, que serven para conectar a capital coas parroquias, e o centro da cidade coa periferia. En concreto, o Plan Director propón potenciar os eixos do Camiño Francés, a Cidade da Cultura, a Ruta da Prata, o Camiño Portugués, o Camiño de Fisterra, o Camiño do Monte Pedroso, a rúa Vista Alegre e o Camiño Inglés.

Dentro da escala municipal, o Plan Director de Zonas Verdes e Espazos Públicos inclúe un apartado dedicado ao sistema da auga, no que se sinala a necesidade de avaliar o estado dos canais, fundamentalmente nos históricos do contorno do parque de Belvís. Por último, o documento propón a creación da Axencia para a Natura e a Cultura, na que estarían representadas as entidades públicas de Compostela e as empresas concesionarias dos servizos públicos, principalmente as que xestionan as zonas verdes de toda a cidade. Tamén participarían nesta entidade a comunidade educativa e as asociacións veciñais.

A terceira e última escala do Plan Director presentado hoxe é a das zonas verdes e prazas. Este caso, analízanse os parques patrimoniais, os parques fluviais, os xardíns urbanos, os parques transicionais e outros parques contemplados no PXOM.

Medidas a medio e longo prazo
O concelleiro de Medio Ambiente explicou que o valor do Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos "é que marca unha folla de ruta de cara o futuro". Xan Duro explicou que algunhas das medidas recollidas no documento forman xa parte da axenda do Goberno local, fundamentalmente no que ten que ver "coa recuperación do rural para a cidade, e da cidade para o rural".

Na mesma liña, o edil explicou que o Concello xa ten camiño andado nunha das propostas do Plan Director para a xestión das escorrentías de augas, de xeito que non vaian parar á depuradora. Xan Duro sinalou que o Concello presentou un proxecto ao programa europeo Life, polo que aspira a unhas axudas para poñer en marcha un programa piloto de deputación de escorrentías. Prevese que entre marzo e abril se saiba se o proxecto de Compostela é un dos seleccionados.

Compartir: