COMERCIO

A Mesa Local de Comercio recolle as propostas do sector para impulsar o Plan de Comercio 2016-2019

25/01/2016 O Salón Verde do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a xuntanza da Mesa Local de Comercio, que levaba sen convocarse dende 2013. A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, presidiu esta reunión, na que se deu conta das actuacións realizadas dende o comezo de lexislatura e do peche do orzamento de 2015.

Á mesa estaban convocados o Goberno municipal, os partidos da oposición, a Xunta e membros do sector do comercio: Fernando Barros, da Cámara de Comercio; José María Fernández, da Fundación Santiago Centro, que acudiu con Delmiro Prieto, secretario da asociación; José Ángel Blanco, de Compostela Monumental; Eva López, de Em-Rede e Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia. Tamén estaban chamados Miguel Agromayor, da Federación de Comercio da Provincia da Coruña; Marta Rey, do Mercado de Abastos e Xulio Turnes, de Espera Conxo, que non acudiron.

Para Marta Lois trátase "dun organismo imprescindible para xerar debate en materia de comercio" e valorou a convocatoria de hoxe como unha forma de "dinamizar de novo a este ente, posto que por falta de vontade política na anterior lexislatura levaba sen convocarse dende maio de 2013".

Plan de Comercio 2016-2019
Deuse conta tamén das propostas dos diferentes actores da cidade para dinamizar o comercio compostelán durante o 2016, co obxectivo de poñer en marcha un Plan de Comercio 2016-2019, que será participativo e deseñado tendo en conta a todos os actores da cidade. A concelleira destacou a importancia de crear este plan para "valorar a forma de organizar o comercio de cara ao futuro", e por iso se acordou que a Mesa se reúna cada dous meses.

A elaboración do Plan de Comercio 2016-2019 terá unha dinámica semellante á empregada para a elaboración do Plan de Emprego, con mesas de traballo onde terán un papel importante os e as consumidoras.

Dende o Goberno local apóstase por fomentar "o comercio de proximidade e o pequeno comercio para que iso permita desenvolver tamén o ámbito local". A concelleira de Desenvolvemento Económico explicou que un dos obxectivos pasa por "lograr un reequilibrio dos barrios, pensando sobre todo nos que teñen peor saúde, como pode ser o barrio de Conxo, deseñando accións específicas para protexer os comercios tradicionais que lle dan entidade á propia cidade".

Valoración de actividades
Na xuntanza valoráronse as actividades levadas a cabo durante o Nadal, como o Mercado na nave 5 da Praza de Abastos ou as Bolboretas de Nadal, que tiveron moi boa acollida entre a veciñanza e as propias asociacións de comerciantes.

Compartir: