PROMOCIÓN ECONÓMICA

A tenda de moda xuvenil Zürich-SCQ gaña a primeira edición do concurso Imaxinación máis Comercio

18/10/2006 A tenda de roupa Zürich-SCQ, situada na rúa do Vilar, foi o establecemento gañador da primeira edición do concurso Imaxinación máis Comercio (I+C), convocado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

Zürich-SCQ realizou unha reforma integral do local no que se instalou, ocupado anteriormente por unha cafetería. Ademais, os seus responsables levaron a cabo unha completa campaña de decoración, definición do logotipo e deseño de todo tipo de elementos gráficos (cartel exterior, tarxetas, bolsas, papel de regalo, indicadores de rebaixas).

Para elección do proxecto gañador valorouse especialmente a innovación e o cambio operado na imaxe e no estudo do establecemento, a orixinalidade, a ambientación e a eficacia da mensaxe publicitaria. O premio está dotado cunha cantidade de 2.000 euros, que o gañador deberá empregar en desenvolver o proxecto presentado.

O xurado decidiu tamén facer unha mención especial a outros dous dos proxectos presentados: o atelier de moda de Belén Mosquera e 40 en bacallau, de José Bermúdez, propietario dun dos postos de venda da praza de Abastos.

Esta previsto convocar de cara ao futuro novas edicións deste certame, co fin de consolidalo como outra das referencias dentro do calendario de actividades dirixidas á dinamización do comercio compostelán, tal e como aconteceu co concurso de escaparatismo.

Compartir: