EDUCACIÓN

O alcalde resolverá a concesión dos comedores cun procedemento negociado sen publicidade pola vía de urxencia

18/01/2016 O Goberno local vai abrir un procedemento negociado sen publicidade, pola vía de urxencia, para resolver a concesión dos comedores escolares para o que queda de curso escolar. Segundo a información dos servizos técnicos do Concello, a resolución do proceso realizarase nun prazo de dúas semanas. Mentres non se resolva o procedemento, está garantido que a prestación do servizo nos centros continuará con absoluta normalidade.

O alcalde, Martiño Noriega, adoptou esta decisión despois de ter coñecemento da intención da empresa Ausolan de renunciar ao contrato. Os seus responsables comunicaron a decisión esta tarde a través de correo electrónico, pero a renuncia aínda non foi feita de xeito oficial. Con esta decisión, o Goberno local quere manter a prestación do servizo, con todas as garantías, ata finais do presente curso.

Novo prego
O executivo aproveitará estes meses para redactar un novo prego e convocar novamente o concurso para a concesión do servizo de comedores escolares. A intención da Concellaría de Educación é levar adiante un novo proceso en permanente diálogo coas ANPAs e co resto da comunidade educativa, así como cos servizos técnicos do Concello.

Compartir: