MOBILIDADE

O aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña abrirase esta mesma semana

18/01/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade anunciou este luns que o estacionamento disuasorio de Pontepedriña empezará a funcionar o próximo mércores. Nunha primeira fase, explicou Jorge Duarte, o aparcadoiro non estará regulado, porque "se van realizar enquisas para analizar o tipo de uso que se lle dá ao espazo, e tamén quen o utiliza". Eses datos serán tidos en conta á hora de poñer en marcha as medidas que se consideren máis efectivas para garantir a rotación de vehículos.

O aparcadoiro de Pontepedriña é unha actuación realizada pola Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta, nuns terreos cedidos por ADIF. Jorge Duarte sinalou que o Concello está ultimando a recepción da obra, trámite imprescindible para a apertura do estacionamento. Unha vez resolto, porase en uso. O concelleiro explicou que o aparcadoiro foi acondicionado co obxectivo de que "sexa disuasorio, de xeito que os vehículos non poderán permanecer nel dun día para outro".

O espazo está pensado fundamentalmente "para os veciños do rural, doutros barrios e mesmo doutros concellos, que o utilizan para acceder desde Pontepedriña a outros puntos da cidade utilizando o transporte público", dixo. O estacionamento tampouco ten fins recadatarios, polo que o Concello traballa para establecer medidas que garantan a rotación, preferiblemente a custo cero.

Duarte explicou que o aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña conta con dúas zonas diferenciadas. Na máis próxima á rúa de Amor Ruibal conta con 95 prazas de estacionamento, cinco para persoas con mobilidade reducidas e seis para motocicletas. Na zona achegada á rúa Escultor Camilo Otero, dispón de 89 prazas.

Compartir: