MOBILIDADE

Comezan este mércores as reunións plenarias do Pacto pola Mobilidade

18/01/2016 O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acollerá este mércores, a partir das 19:30 horas, a primeira reunión plenaria do Pacto pola Mobilidade, na que se vai analizar un dos tres asuntos sectoriais previstos para estas xuntanzas: o da circulación. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que de aquí a finais de febreiro celebraranse os outros dous plenarios, sobre modos brandos de transporte e transporte público. As conclusións destes encontros recolleranse nun documento que servirá de base para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, garantindo así que sexa un plan participado pola cidadanía e polos diferentes grupos políticos.

Na reunión do mércores sobre o tema da circulación está confirmada a intervención de Juan Requejo Liberal, recoñecido experto en mobilidade, turismo e cidade histórica. Tamén están invitados representantes da Policía Local, da Asociación de Transportistas de Carga e Descarga, da Asociación de Hostalería, doutros colectivos sociais afectados polo tema da mobilidade e dos distintos grupos políticos. Jorge Duarte explicou que na xuntanza falarase "do uso racional do coche, de xerarquizar o uso do vehículo dándolle prioridade ao transporte público e o uso peonil, e de medidas que reduzan a contaminación, como o uso de vehículos eléctricos ou a utilización compartida dos coches privados". Tamén está previsto abordar os problemas de aparcamento, e as medidas necesarias para garantir a rotación.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade insistiu en que "o obxectivo é facer un Plan de Mobilidade que sexa non só aceptado, senón mesmo demandado por toda a cidadanía".

Calendario do Plan de Mobilidade
Despois da reunión plenaria do mércores, está previsto que se celebren outras dúas antes de que remate febreiro. Na primeira delas falarase de modos brandos de transporte, con especial atención ao uso peonil e á utilización da bicicleta. Nesta mesa, adiantou Jorge Duarte, está prevista a participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "para expoñer un modelo que está funcionando, e que mesmo obtivo recoñecementos a nivel internacional". A terceira e última das reunións plenarias estará centrada no transporte público, tanto urbano como metropolitano.

As conclusións destas tres xuntanzas serán recollidas nun documento que será tido en conta á hora de redactar o Plan de Mobilidade. Segundo explicou o concelleiro, "xa se está traballando na elaboración dos pregos para sacar a concurso a redacción dese plan, previsiblemente a finais de febreiro". O obxectivo é que o documento definitivo estea redactado antes de que remate o ano.

Compartir: