POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde e a concelleira de Políticas Sociais visitan o Centro "Juan Vidán" de Laraño

18/01/2016 O alcalde da cidade, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, visitaron esta mañá as instalacións que a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (ASPAS) ten na zona de Laraño, o Centro Residencial "Juan Vidán Torres" para persoas con necesidades de apoio extenso e xeneralizado, posto en funcionamento en 1985.

O alcalde e a concelleira atenderon as peticións dos e das traballadoras deste centro, que funciona en réxime de internado permanente e atende a 35 persoas con grandes discapacidades. A directora do centro ensinoulles a Martiño Noriega e a Concha Fernández as plantas coas que conta o edificio, recentemente reformado pola asociación para atender mellor as necesidades das persoas que alí viven.

Ademais, o alcalde de Santiago asinou no libro de visitas do centro, onde escribiu que "tiña sido unha honra poder coñecer as súas instalacións" e quixo recoñecer "o gran labor que entidades como ASPAS realizan en prol das persoas con necesidades específicas".

Servizos
Ademais deste centro en Laraño, a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (ASPAS) conta con máis instalacións en toda a cidade. En San Marcos contan cun centro ocupacional cuxo obxectivo é proporcionar a formación necesaria para un maior desenvolvemento persoal e profesional das persoas con discapacidade intelectual, maiores de 18 anos.

Está composto por cinco talleres ocupacionais nos que se realizan actividades de formación laboral fomentando valores fundamentais como a responsablidade, o respecto, o traballo en equipo e o compañeirismo.

A Asociación conta tamén cun centro especial de emprego en colaboración coa Federación de Asociacións FADEMGA para promocionar a inserción laboral en persoas con discapacidade intelectual. Actualmente son 11 as persoas con discapacidade contratadas a través deste centro especial e levan a cabo actividades diarias apoiados por medios técnicos e humanos adecuados.

Compartir: