EMPREGO

A Estratexia de Emprego municipal contará con máis de 12 millóns de euros para o período 2016 - 2020

15/01/2016 A Mesa polo Emprego aprobou no Pazo de Raxoi a Estratexia de Emprego do Concello para o período 2016 - 2020, que recolle os obxectivos, liñas e medidas que se desenvolverán nos vindeiros anos para dinamizar o mercado laboral de Santiago. O orzamento xeral previsto para o conxunto desta Estratexia será de 12.722.953 euros, dos cales 3.479.353 serán de aportación municipal e 9.243.600 doutras administracións. En conxunto, na elaboración desta estratexia participaron máis de 2.000 persoas.

A Mesa polo Emprego aprobou na súa sesión constitutiva, celebrada no Pazo de Raxoi, a Estratexia de Emprego do Concello para o período 2016 - 2020, que recolle os obxectivos, liñas e medidas que se desenvolverán nos vindeiros anos para dinamizar o mercado laboral de Santiago. O orzamento xeral previsto para o conxunto desta Estratexia será de 12.722.953 euros, dos cales 3.479.353 serán de aportación municipal e 9.243.600 doutras administracións. En conxunto, na elaboración desta estratexia participaron máis de 2.000 persoas.

A Estratexia de Emprego elaborouse nos últimos meses a partires dun proceso aberto, no que participaron as principais entidades vinculadas co mundo laboral da cidade, así como todas as persoas interesadas en aportar os seus coñecementos e experiencias. O proceso de participación cidadá contou con varias espazos de reflexión e intercambio destinados a conxugar as opinións máis formais dos representantes das entidades e institucións que traballan no ámbito do emprego, as opinións de expertos en temáticas concretas e as opinións dos cidadáns.

O espazo máis formal é o da Mesa polo Emprego, un órgano de participación municipal no que están representados os principais axentes sociais vinculados a este ámbito: Universidade de Santiago, sindicatos, Cámara de Comercio, Plataforma polo Emprego, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e Asociación Hostalería Compostela. O papel da Mesa foi supervisar o proceso e validar o documento final en base ás liñas marcadas dende o proceso participativo.

Nun segundo nivel, deseñáronse mesas temáticas cunha maior apertura, nas que, xunto cos integrantes da Mesa polo Emprego, participaron persoas e entidades representativas en seis áreas concretas de actuación: Recursos sociolaborais; Emprego xuvenil; Innovación e emprendemento; Economía social e emprego protexido; Traballo garantido e renda básica; e Desigualdade de xénero no emprego.

Finalmente, a participación cidadá concretouse a través de dous mecanismos: por unha banda, a través de enquisas temáticas na web da Axencia Local, www.axencialocaldecolocacion.org; por outra banda, no Primeiro Foro Colaborativo para o Emprego, que se celebrou os pasados días 5 e 6 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. No FOCO, as persoas interesadas puideron coñecer os traballos e propostas elaboradas nas mesas temáticas, realizar novas achegas e priorizar as propostas resultantes.

En total, dentro do proceso de participación fixéronse 29 entrevistas en profundidade a actores destacados do ámbito do emprego: profesores, responsables de servizos de emprego, membros de entidades... Organizáronse diferentes sesións informativas nas que participaron 746 persoas, entre estudantes e representantes de múltiples asociacións. Máis de 600 persoas cubriron cuestionarios electrónicos elaborados para este proceso. Máis de 50 expertos en materia de Emprego participaron nas mesas temáticas. E, finalmente, máis de 700 persoas participaron nas mesas de debate que se organizaron dentro do I Foro Colaborativo para o Emprego.

Cinco áreas de actuación
A Estratexia polo Emprego divídese en cinco grandes áreas de actuación, que en conxunto apuntan a nove obxectivos que se consideran fundamentais para que en Santiago se poida desenvolver un mercado laboral de calidade e igualitario. O documento recolle tamén o peso orzamentario que tería que corresponderlle a cada unha destas áreas de actuación.

A área á que lle correspondería a maior parte do orzamento é a de "Servizos de apoio ás persoas para a consecución dun emprego", cun 60% do total. Nesta área recóllense dos obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade das persoas, poñendo en marcha procesos de inserción continuados, abertos e adaptados ás necesidades e oportunidades, e diminuír a desigualdade de xénero existente no acceso ao emprego.

En segundo lugar vén a área de "Emprego público e compra pública ética", cun 20% do total previsto. Os obxectivos desta área son tamén dous: transformar o ámbito do emprego local, para facelo máis igualitario e inclusivo, a través dunha política municipal impulsora da contratación de persoal; incidir na consecución dun emprego máis igualitario e inclusivo a través da contratación externa; e incrementar o peso da economía social, o emprego protexido e o terceiro sector nesta contratación pública.

O terceiro ámbito en peso orzamentario, cun 10%, e o "Fomento do emprendemento con especial incidencia na economía social". Os obxectivos aquí son: visibilizar e sensibilizar sobre a economía social como modelo de economía baseado en valores e que pon no centro as persoas e as súas necesidades por riba dos beneficios estritamente empresariais; e favorecer e fomentar o emprendemento como fórmula de inserción laboral, incorporando entre outras as fórmulas de economía social e democratizando dito acceso cara colectivos con menores oportunidades.

A cuarta área e a da "Colaboración empresarial e compromiso cívico", a que lle correspondería o 7% do orzamento. O obxectivo neste ámbito é implicar o tecido empresarial na consecución dun pleno emprego de calidade no marco da súa responsabilidade social empresarial e incrementar a súa utilización dos servizos municipais de intermediación laboral.

Finalmente, á área de "Rede de axentes, coordinación e avaliación" corresponderíalle o 3% do total. Os obxectivos nesta área de control son: mellorar a coordinación e optimización dos recursos socio-laborais no ámbito municipal, potenciando o traballo colaborativo e o funcionamento dunha rede local de recuros socio-laborais; e a mellora continua das competencias do persoal técnico municipal e das entidades que forman parte da rede local polo emprego.

Compartir: