XUNTA DE GOBERNO

O alcalde reunirase este martes con Ana Pastor para abordar os compromisos pendentes de Fomento coa cidade

15/01/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reunirase este vindeiro martes en Madrid coa ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor. Esta xuntanza fora solicitada polo Goberno local ante os retrasos en actuacións vitais para Compostela, como o paso inferior de Conxo, ou a falta de información e avances respecto a proxectos como a intermodal ou os enlaces coa AP-9.

Martiño Noriega reiterou que Fomento "non pode escapar dos seus compromisos", aínda entendendo que se trata dun Goberno en funcións. Por iso, agarda que, por exemplo, a ministra Ana Pastor poida facilitar información e datas de remate definitivo das obras do paso inferior de Conxo. Lembrou que os traballos van agora a bo ritmo, pero que a dirección de obra non está autorizada para falar dunha data de finalización que agarda si poida facilitar Ana Pastor.

O alcalde tamén lle reiterará á ministra en funcións o seu compromiso, adquirido en setembro, de licitar as conexións da AP-9 coa A-54 e a N-550 antes do remate de 2015, sen que sen teñan recibido noticias de ningún paso dado ao respecto.

A terceira cuestión sobre a mesa será o proxecto da estación intermodal. Tal como recordara o alcalde a semana pasada, dende o Ministerio de Fomento explicárase que está contratada cunha consultora o estudo dun anteproxecto para a estación, e o Goberno local solicitou en varias ocasións celebrar unha reunión de coordinación entre os catro actores implicados: Concello, Xunta, Ministerio de Fomento e ADIF. Tampouco houbo resposta aínda por parte do departamento de Ana Pastor.

Xunta de Goberno
O alcalde falou desta cuestión no transcurso da rolda de prensa habitual dos venres para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno. Na mesma tratáronse fundamentalmente asuntos relacionados con licenzas urbanísticas.

Documentos relacionados



Compartir: