ACCIÓN CULTURAL

Berrobambán estrea este venres "Xurdefet (Jour de fête)" no Teatro Principal

14/01/2016 A compañía teatral Berrobambán estrea este venres en Compostela a súa última obra, Xurdefet (Jour de fête). Será ás 20:30 horas no Teatro Principal e repetirán de novo función sábado ás 12:00 e ás 18:30 horas. As entradas para este espectáculo teñen un prezo de 5 euros e pode mercarse unha entrada familiar por 15 euros para catro persoas (é dicir, serían 4 entradas ao prezo de 3) ou, se son soltas, hai descontos do 50% para diversas circunstancias.

Calquera día é bo para unha festa, aínda que a túa nai non queira que saias da casa, por se te mollas, por se te ensucias, por se alguén te leva, por se non atopas o camiño de volta, por se… Unha muller, que foi nena hai algún tempo, volve ao patio da súa casa e lembra un día de festa no que descubriu que os animais tiñan preocupacións moi semellantes ás súas: non querían medrar nunha gaiola, non querían que os insultasen, non querían aburrirse, non querían xogar sen compañía.

Dende Berrobambán, con Xurdefet queren convidarnos a unha celebración. Despois de A folla máis alta, na que a infancia era cousa do pasado, en Xurdefet a infancia é presente. O que van representar no escenario é toda a súa estrañeza, o seu punto de vista, partindo das xeniais palabras de Jacques Prévert, un autor francés do século XX que coñeceu un grande éxito en vida, que conseguiu estar nas bocas de quen aínda canta cancións ás que lles puxo letra, que pasou á historia do cine polos guións de clásicos como Les enfants du paradis, que lle deu voz poética a quen non a tiña, que escribiu pequenas pezas de teatro para ser representadas por actores e actrices de calquera idade, que realizaba colaxes cos que completaba un imaxinario que deixou pegada na sociedade francesa ata converterse nun clásico recente... e que é case un completo descoñecido en Galicia.

Jacques Prévert e Jacques Tati
Escolleron a Jacques Prévert porque din que os seus textos lles devolven a luz da infancia nunha época difícil. A súa mirada fai que lles presten atención aos pequenos milagres da nosa contorna: a natureza, os animais, as persoas, para descubrir grazas á música das palabras algúns momentos de auténtica felicidade nunha sociedade cada vez máis hostil e despiadada. Prévert é subversivo, anárquico, surrealista, e deixa abertas as portas das gaiolas nas que ás veces nos metemos sen querer.

Partindo do seu poema "Jour de fête" (Día de festa), Berrobambán realiza unha dramaturxia con textos dos libros Histoires (Historias), Choses et autres (Cousas e outras), e, sobre todo, Contes por enfants pas sages (traducido ao galego como Contos para rapaces pillabáns), porque é neste último onde o autor personifica en diferentes animais grandes conflitos da infancia: o abandono (no conto A avestruz), o que entendemos por educación e civilización fronte a vida salvaxe (Pequeno león nunha gaiola, O elefante mariño), o aburrimento (O dromedario descontento) ou a liberdade (Cabalo nunha illa).

Como referencia estética para a creación e o debuxo tanto do espazo escénico como da caracterización de personaxes pensaron no Jacques Tati de películas como Mon oncle ou Les vacances de M. Hulot. Contemporáneo de Prévert, Jacques Tati levou ao cine a limpeza e o ritmo do clown. As coreografías, a simetría e o suave emprego da cor deste director e intérprete, organizan un universo caótico que parece danzar nas entradas e saídas dunha variedade de personaxes definidos tan só cun par de trazos físicos. Xurdefet é por tanto unha homenaxe a estas dúas iconas da cultura francesa do século XX.

Todo o equipo traballará para que o encontro entre a infancia e o teatro nos devolva esa mirada sobre o mundo que perdemos nalgún momento, cando deixamos de escoitar os paxaros, intentamos domesticar os animais e collémoslle medo ao descoñecido no canto de querer coñecelo.

Compartir: