CONSORCIO

A Real Filharmonía celebra dous concertos en Lisboa esta fin de semana, no marco do festival "Temporada Darcos"

14/01/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra dous concertos en Lisboa esta fin de semana, no marco do festival portugués de música clásica Temporada Darcos, que este ano conmemora a súa novena edición. A RFG abrirá o certame, cunha primeira actuación o sábado 16 de xaneiro, ás 21:30 horas, no Teatro de Torres Vedras. A segunda cita terá lugar o domingo 17, ás 17:00 horas, no auditorio do Centro Cultural de Belém.

O mestre e compositor portugués Nuno Côrte-Real, director artístico do festival, levará a batuta nos dous concertos. Neles renderáselle homenaxe a un dos grandes compositores lusos, ademais de divulgador, escritor e cineasta, António Victorino D´Almeida, que este ano cumpre 75 anos. A Real Filharmonía de Galicia estreará unha obra súa, Ondas do mar de Vigo, composta polo músico para a ocasión.

Ondas do mar de Vigo está inspirada na cantiga de amigo homónina dun dos máximos expoñentes da lírica galego-portuguesa, Martín Códax. Nesta obra, D´Almeida mostra a súa visión do mar de Vigo dende Portugal, posto que o compositor está moi vinculado co norte do país luso e co sur de Galicia.

Arias de Mozart, Verdi e Rossini
Os dous concertos comezarán coa abertura da Gazza Ladra de Rossini. A continuación, os músicos interpretarán Ondas do mar de Vigo, de D´Almeida. Logo achegarán ao público as Danzas Húngaras nº 5 e nº 6 de Brahms.

A segunda parte destes concertos arrincará coa abertura da ópera A frauta máxica, de Mozart, e seguirá cunha aria de As vodas de Fígaro, do mesmo compositor, e outra de Don Carlo, de Verdi. As actuacións concluirán cunha aria de O barbeiro de Sevilla, de Rossini. Estas tres últimas pezas serán interpretadas pola voz do baixo italiano Nicola Ulivieri. Canta regularmente nos máis importantes escenarios de ópera de todo o mundo, gañou varios premios líricos, en particular polas súas magníficas interpretacións de Mozart, e traballou cos máis prestixiosos mestres.

Compartir: